Os vindeiros 2 e 7 de xuño, a Fundación Cuña-Casasbellas acollerá a proxección dalgunhas pezas elaboradas pola Komîna fîlm a Rojava

1 Xuño 2022

Rewend é unha mostra de cinema errante que ten como obxectivo a visibilización e exhibición en salas europeas dos traballos cinematográficos creados pola Komîna Fîlm a Rojava.

A Comuna de Cinema de Rojava é un colectivo de cineastas locais e internacionais fundado en 2015 na rexión autónoma de Rojava, na Federación do Norte e Este de Siria. A Comuna traballa activamente na zona para reconstruír e reorganizar as infraestruturas do cinema e da educación cinematográfica, e para darlle cobertura fílmica con voz propia á revolución nesta parte do Kurdistán, enfrontada ao estado islámico, a esporádicas invasións turcas e a outros elementos desestabilizadores.

Os vindeiros 2 e 7 de xuño poderemos ver en Pontevedra unha pequena mostra do traballo cinematográfico da Comuna, organizada de maneira colaborativa polo Cineclube Pontevedra, o Ateneo Libertario, a Fundación Cuña-Casasbellas e a imprenta ambulante Allouette Machine.

As proxeccións terán lugar na Fundación Cuña-Casasbellas, ás 20:30 horas, con entrada libre.

Na sesión do xoves 2 exhibiranse dúas pezas documentais sobre a invasión turca de Afrin no ano 2018: OLLOS DE VIAXEIRO (ÇAVÊN RÊWÎ, Masoud Krad, 2018, Federación do Noreste de Siria – Rojava, 23′) e A SOMBRA DA MONTAÑA KURDA (SÎKA CIYA YÊ KURMÊNC, Azad Evdikê, 2018, Federación do Noreste de Siria – Rojava, 22′). E unha curta de ficción: FOGAR (MAL, Sevinaz Evidke, 2018, Federación do Noreste de Siria – Rojava, 9’40’’ ).

Na sesión do martes 7 proxectarase a longametraxe de ficción BERFÎN (Özlem Arzeba, 2019, Bashur – Kurdistán Sur, 73’), unha homenaxe á resistencia das nais kurdas con moitos paralelismos coas vivencias das actrices que lles dan vida ás personaxes.

Está pasando!