Pablo Meixe presentará no Teatro Afundación de Vigo o seu ambicioso novo show ‘Meixeverso’

8 Novembro 2023

Pablo Meixe ven de presentar o seu novo show ‘Meixeverso’ en Santiago de Compostela e en Ourense, e o domingo 3 de decembro farao no Auditorio do Teatro Afundación de Vigo ás 18:30 horas. Estas son as tres primeiras actuacións dunha xira que o levará por numerosos recunchos do país.

‘Meixeverso’, producido por Etiqueta Negra, é un paso adiante na carreira de Pablo Meixe no mundo da comedia. É un show ambicioso que vai mesmo máis aló do noso mundo. A premisa da que parte é que o galego se ha dado conta de que ao longo e ancho dos distintos planos da realidade pódense atopar personaxes curiosos que poñen a proba o tecido da graza e o chiste. E para iso valerase de audiovisual, música, cambios de vestiario e, sobre todo, moitas risas.

Así, Pablo Meixe emprenderá unha viaxe chea de humor no que falará das súas vivencias e desventuras nunha travesía polos formatos, onde o público poderá conectar cun dos creadores de contido do momento.

‘Meixeverso’ é un show de humor, pero ás veces é unha gala de premios e outras unha sala de cinema. Para o deseño do cartel e a realización das pezas audiovisuais nas que se apoia o espectáculo, contouse co fotocreador e filmmaker Álvaro L. Barreiro.

Entradas anticipadas á venda dende 14 euros en Ataquilla.com

Está pasando!