‘Ponte a Punto’, o Congreso de Desenvolvemento Persoal, regresa en novembro en formato virtual

26 Outubro 2020

A novena edición de ‘Ponte a Punto’, o Congreso de Desenvolvemento Persoal impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través da plataforma #PonteLovers, celebrarase en formato exclusivamente virtual entre os días 14 e 21 de novembro.

Os webinar, que se emitirán en directo vía streaming para todo o mundo por Neuroplanet, serán impartidos por un elenco de relatores entre os que figuran nomes como os de Teresa Viejo, José María Toro, Montse Hidalgo, José Antonio Fernández Bravo, Majo Cascales, Laurent Rousseau, Anne Igartiburu, Enrique Monís, Miriam Fernández e Emilio Calvo.

As vídeoconferencias tocarán temas de tanta actualidade como a resiliencia, a educación en valores, a xestión das emocións en situacións adversas da vida, o benestar mental e a mellora das relacións con un mesmo e cos demais, e por suposto, cuestións vencelladas á motivación e á superación persoal, achegando ferramentas, estratexias e grandes doses de inspiración para xestionar as emocións e levar mellor o contexto que estamos a vivir coa pandemia. Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, esta IX edición de ‘Ponte a Punto’ transformouse a raíz da Covid-19 “para converterse temporalmente nun proxecto formativo 100% virtual mediante webinars e, neste formato, terá a duración dunha semana completa, desde o sábado 14 ao sábado 21 de novembro”. “Os horarios -sinala- serán bastante accesibles: os sábados, de 10:00 a 13:00 horas, e o resto da semana, de 21:00 a 22:00 horas”.

O pontevedrés José Luis Bouzas, director da empresa de formación Docensa e coordinador do evento, destaca “a importancia de que un ano máis este congreso poida levarse a cabo grazas ao apoio da Concellería de Promoción Económica e que se ademais se emita dende Pontevedra para todo o mundo”. Bouzas subliña que ‘Ponte a Punto’ é un foro dirixido “a tódalas persoas que queren desenvolver unha actitude de vida máis plena, feliz e íntegra”. “Un congreso -afirma- que pretende espertar conciencias e inspirar ás persoas para conseguir a mellor versión de si mesmas e axudarlles a desenvolver o mellor do potencial humano para aplicalo no persoal e no profesional”.

Tal e como destaca Yoya Blanco, “a novidade máis importante deste ano é a emisión do evento en directo para todo o mundo a través de streaming”, con interesados de distintos puntos da xeografía española e de fora das nosas fronteiras: “dende varios países de Sudamérica (Arxentina, Uruguai Perú, Colombia ou México) e Estados Unidos a cidades europeas como París, Londres e Lisboa”. As inscricións poden facerse a través do correo electrónico docensa@gmail.com, o teléfono 986 86 39 49 ou o whatsapp 619 21 72 18, así como na web www.ponteapunto.es

Está pasando!