Presentación da terceira edición do Plant Fest | Concello de Pontevedra

A terceira edición do Plant Fest, o gran festival da cultura verde, celebrarase na Alameda de Pontevedra o 23 de maio

14 Maio 2026

  • A esplanada da Alameda será o escenario deste evento que comezará ás 12:00 horas e que contará con actividade ao longo de todo o día
  • A xornada incluirá obradoiros, faladoiros, postos de artesanía, unha sesión vermú e o agardado intercambio de esgallos

A cidade de Pontevedra prepárase para celebrar o mundo da ecoloxía, as plantas e as flores coa chegada da terceira edición do Plant Fest, que terá lugar o vindeiro 23 de maio na esplanada da Alameda a partir das 12:00 horas. O evento foi presentado pola concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, xunto coas directoras e impulsoras do festival, Ángela Ogando e Esperanza Otero.

Anabel Gulías destacou que o Plant Fest se converteu xa nunha “cita imprescindíbel” no calendario local, subliñando a orixinalidade de achegar a cultura verde dende unha perspectiva festiva, en contacto coa cidadanía e reivindicando o espazo público. A concelleira aproveitou para agradecer o labor das dúas emprendedoras por pór a Pontevedra no mapa e por devolverlle á cidade parte do seu esforzo.

Unha programación ampliada: do Ioga Matinal á Sesión Vermú

Nesta terceira edición, e grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, o festival amplía o seu horario e a súa oferta de actividades. A xornada prenderá motores cunha actividade de “Morning Ioga”, que busca relacionar o benestar persoal co mundo das plantas. Ademais, o evento contará cunha sesión vermú, permitindo aos asistentes gozar do ambiente ininterrompidamente desde o mediodía ata as 21:00 horas.

Segundo explicou a co-directora Ángela Ogando, un dos pratos fortes será o “Faladoiro”, que este ano aposta por un enfoque máis tradicional centrado na horta. O coloquio contará con voces expertas como a de Nuska, a influencer Huertelia, Sandra (“Nosa Granxa”) e un representante de “Cultivo Galego”, quen afondará no valor dos produtos locais tanto a nivel gastronómico como divulgativo.

O espazo da Alameda contará con múltiples stands de marcas e emprendedores locais que ofrecerán artesanía, cosmética natural e plantas para mercar.

No eido da aprendizaxe, desenvolveranse diversos obradoiros para grupos reducidos de 20 persoas. Entre eles destaca un obradoiro infantil relacionado coa horta, impartido por Huertelia, e outro de coidados básicos de orquídeas, patrocinado pola marca Lechuza.

Para participar na maioría dos obradoiros non será necesaria a inscrición previa: abondará con presentarse no lugar 5 minutos antes do inicio. A única excepción será a sesión de “Morning iorga”, que require reserva previa a través do enderezo electrónico info@plantfest.com

Pola súa banda, desde a organización sinalaron que a “guinda do pastel” do Plant Fest será o tradicional intercambio de esgallos, que comezará a partir das 19:00 horas. Convidou a todas as persoas a traer as súas plantas ou esgallos con raíz e follas para intercambialos gratuitamente nun formato de quendas.

Tralo éxito da pasada edición, que congregou a unhas 3.000 persoas (250 delas participando activamente no intercambio de plantas), a organización agarda que a ampliación de horarios anime a moita máis xente a achegarse para desfrutar da cultura verde. Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a súa páxina web plantfest.es

Está pasando!