Pontevedra enche de literatura a praza da Ferraría cunha nova edición da Festa dos Libros

5 Xullo 2022

  • Organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, DLectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas, a cita terá lugar entre o 8 e o 10 de xullo
  • Presentacións, faladoiros, contacontos, sinaturas de exemplares, actuacións musicais… compoñen o programa de actividades da cita, pensada para todos os públicos

A cidade de Pontevedra acollerá esta fin de semana –venres 8, sábado 9 e domingo 10– a quinta edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade. Durante tres días, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.

Os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos durante os tres días de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos postos.

Os libreiros e libreiras volverán sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. Os libros chegan acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de máis de 80 autores e autoras que participarán en 89 actividades repartidas entre sinaturas de libros, presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, obradoiros ou as actuacións musicais de Protois (venres 8) e Bossa (Cora Velasco con Andrés Martínez Corbo) (sábado 9).

Con esta festa da creación literaria, o Concello de Pontevedra busca o fomento da lectura e da creación, así como o apoio ao sector da cultura e do libro como motor de desenvolvemento e dinamización da cidade. «Queremos resaltar o traballo que fan as librerías e os seus traballadores ao longo de todo ano, sacándoo estes tres días até a rúa, onde aconsellan, onde falan, onde nos ensinan e onde compartiremos espazo con máis de 80 autores e autoras ao longo da Festa», sinalou a edil de Festas, Carme da Silva.


Programa de actividades

O programa de actividades dará comezo o venres 2 ás 11.30 horas co contacontos ilustrado Terra a nosa! que Polo Correo do Vento levará a cabo para a cativada. Mediante a narración oral e o debuxo en directo repasaranse os aspectos máis relevantes da vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado nas Letras Galegas. De seguido, ás 12.30 horas, terá lugar un faladoiro sobre memoria histórica que contará coa presenza de Xosé Álvarez Castro (Os anos do silencio sobre represión e resistencia no Franquismo), Afonso Eiré (Ausentes, sobre o fenómeno da emigración en Galicia) e Luís Rei Núñez (Matarán a Reboiras, sobre a loita de clases e emerxencia ecolóxica).

A xornada vespertina comezará ás 18.15 horas cun recital do poemario Intimidación, da man do Colectivo Maiakovski. Os seus integrantes opóñense ao poeta como epítome do individual. Non hai egos que reclamen a súa escrita, senón un fluír de voces que desemboca noutras voces, creando un magma creativo que abrolla reciprocamente.

A continuación será a quenda da sección dedicada ao recoñecemento da traxectoria destacada dun autor ou autora. Nesta ocasión a persoa homenaxeada será o escritor, xornalista e guionista Diego Ameixeiras, referente da novela negra, que recibiu este ano por O cervo e a sombra o Premio Follas Novas do Libro Galego e o prestixioso Premio da Crítica que concede a Asociación Española de Críticos Literarios. A responsable da libraría Cronopios, Mercedes Corbillón, a quen a Federación de Librarías de Galicia distinguiu tamén este ano co Premio Honorífico Follas Novas, repasará con el a súa traxectoria.

Descubrindo lecturas

O sábado 3 ás 11.30 horas, Ana Meilán convidará aos pequenos lectores e lectoras a facer unha viaxe moi especial por Un universo na túa maleta. Os asistentes á actividade embarcaranse nunha
viaxe a través de maletas, de contos, de anécdotas… acompañando a un neno no seu descubrimento pola lectura. Irán vendo como tras visitar a libraría do barrio coñece mundos que o agardaban tras as páxinas dun libro.

Da man da Libraría Paz, celebrarase ás 12.30 horas o encontro Enfiando lecturas, no que participarán Patricia Buxán (tradutora do ensaio Infocracia), Luís Valle (poesía: Alianza), Anabel Colazo (banda deseñada: Espada) e Eduard Velasco (narrativa: Os días felices de Benvido Seixas).

Xa pola tarde, a partir das 18.15 horas, Arantza Portabales e Diego Giráldez conversarán sobre as súas novidades editoriais, Sobrevivindo e O meu sangue, respectivamente. E posteriormente Manuel Jabois e Juan Tallón farán o propio falando sobre xornalismo e literatura e presentando Hay más cuernos en un buenas noches e Obra Maestra, respectivamente.

A continuación, desenvolverase unha conversa moi peculiar sobre literatura e divulgación. Dunha banda, a paleoantropóloga, directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana e investigadora en Atapuerca María Martinón-Torres, que presentará o seu libro Homo Imperfectus. ¿Por qué seguimos enfermando a pesar de la evolución?, unha mirada ao pasado do Homo sapiens que nos revela a importancia das nosas fraxilidades na loita pola supervivencia. E doutra, Miguel Ángel Cajigal Vera, máis coñecido como “El Barroquista”, que co seu ensaio Otra historia del arte. No pasa nada si no te gustan Las Meninas nos convida a gozar das obras de arte sen prexuízos e con total liberdade.

Última xornada

O domingo 4 ás 11.30 horas, da man de Kalandraka Editora, Xulio Gutiérrez e Isabel Pelayo darán a coñecer aos máis cativos e cativas da casa a colección Quen son? Crías de animais, que presenta varias especies de mamíferos e aves agrupadas por continentes para inspirar a curiosidade pola fauna e o coidado da natureza desde as primeiras idades.

Os libros mudos serán os protagonistas na mesa redonda que se celebrará ás 12.30 horas, na que participarán as ilustradoras Susana Suniaga e Bea Gregores, a libreira Luz Gallego, Nenuca, e Víctor Mascato Blanco de Triqueta Editora, baixo a moderación da artista plástica Alba Blanco, responsable tamén da Librería Seijas. Baixo o suxerinte título de Sen Palabras: a abraiante narración dos libros mudos, os cinco disertarán sobre se é posible narrar soamente con imaxes, se é preciso ter formación artística para entender os libros silentes, as estratexias narrativas que se empregan nestas obras para comunicar dun xeito efectivo, etc.

Xa pola tarde, a gaiteira, pianista e compositora Cristina Pato conversará con Ana Cabaleiro sobre o seu debut como novelista. En No día do seu enterro, Pato fala sobre o poder da palabra, sobre a nobreza dos invisibles e sobre as verdades non contadas. De seguido, Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo presentarán, xunto a Ana Miranda, o libro Meirás. Un pazo para el caudillo, un merecido recoñecemento á loita do pobo de Sada por recuperar unha memoria secuestrada.

O profesor de Lingua Galega e Literatura Carlos Callón, e na actualidade profesor de Xeografía e Historia do Instituto Español de Lisboa, tomará o relevo ás 20.15 horas para falar da súa nova obra, O libro negro da lingua galega, onde recolle exemplos da represión e do silenciamento que sufriu e sofre a nosa lingua desde 1543.

O espectáculo De Campos a Campos porá ás 21.30 horas o broche de ouro a esta quinta edición da Festa dos Libros. Na barra dun bar, pasado e presente danse a man neste acto, no que Nico Campos presenta o libro de Xesús “Chichi” Campos, Estampas do mundo elegante, cando unha especie de rotura espazo-temporal xunta a pai e fillo mentres Chichi escribe os artigos. Un repaso pola Galiza dos oitenta coas verbas dun dos mellores cronistas da época, interpretado por Evaristo Calvo, un dos mellores actores cómicos da actualidade.

Outras actividades

Ademais destes escritores e escritoras, outros moitos estarán na Festa dos Libros asinando exemplares dos seus libros nos postos das librarías como Antía Yáñez, Paka Díaz, Adrián Morgade, Rena Ortega ou Xosé Monteagudo, por citar algúns nomes.

Contaremos tamén coa presenza dunha imprenta itinerante, vagabunda e mutante: a Alouette Machine. A partir de tipografías da época de madeira, prensas de impresión antigas, rolos, tintas, papeis, esta iniciativa procura recuperar esta técnica ancestral amosando como se facían antigamente os libros, carteis, postais ou tarxetas.

Igualmente, para debuxar de paseo pola Festa dos Libros, durante os tres días sairá –ás 19.00 horas desde a caseta de información– o percorrido ilustrado Co lapis na maleta, guiado pola ilustradora Alba Blanco. Trae o teu material de debuxo (lapis, ceras, rotuladores…), a técnica é libre!

PROGRAMA (PDF)

Está pasando!