Pontevedra volverá ser sede este outubro dos Premios Martin Codax da Música

20 Agosto 2021

Os Premios Martín Códax da Música botan a andar a oitava edición en 2021 co seu recoñecemento anual á produción musical galega. Músicas ao Vivo organiza unha nova edición dos galardóns nun momento difícil para a cultura, en xeral, e a música, en particular, debido á pandemia.

O xoves 19 de agosto a Sala Sónar de Santiago de Compostela acolleu a presentación desta nova edición; o periodo de inscricións de proxectos musicais ábrese o 23 de agosto e os procesos de selección e votación posteriores culminarán na gala dos premios a finais de outubro. Os Premios Martín Códax da Música contan co patrocinio das Bodegas Martín Códax ademáis de co apoio do Concello de Pontevedra, anfitrión da gala, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.

A concelleira de promoción económica, Anabel Gulías, presente esta mañá en Santiago, destacou que «o Concello de Pontevedra quere mostrar o seu compromiso co sector musical, alén dos grupos e das artistas, Senón técnicos de son, montadores, salas de concertos, produtores… Queremos seguir ao seu lado nas loitas e nas vindeiras batallas». «Hai dúas palabras que encaixan a perfección con este momento: resistencia e resilencia.

Os premios son unha boa oportundiade non só para amosar todo o talento da Galiza, senón tamén son un momento para a reflexión, de punto de encontro e de avance para o
uturo está por vir», finalizou.

Dezasete categorías con tres finalistas cada unha, tres premios Organistrum e un galardón honorífico a toda unha traxectoria. Os Premios Martín Códax da Música establecen o mesmo número de premios que o pasado ano, porén introducen algunhas novedades vinculadas ao tempo de pandemia que estamos a vivir.

É o caso dos Premios Organistrum que recoñecen salas, festivais e proxectos de comunicación musical pero que este ano só abrirán inscrición para esta última categoría. “Este ano as salas de concertos galegas permaneceron pechadas durante longos períodos de tempo, moitas aínda continúan sen abrir e algunhas mesmo pecharon definitivamente. Do mesmo xeito, a celebración dos festivais galegos viuse tamén moi afectada pola situación desencadeada pola COVID-19 e moitos deles non puideron levarse a cabo con normalidade.

Dadas estas circunstancias a asociación non considera oportuno que nesta edición dos Premios Martín Códax da Música as salas e festivais sexan sometidas ao escrutinio do xurado e queremos brindarlles de xeito unánime todo o noso apoio e recoñecemento neste momento tan complexo para todos. Por iso entregarase un premio extraordinario nestas dúas categorías, outorgados directamente pola asociación do mesmo xeito que se fai anualmente co Premio Honorífico”, sinalan en Músicas ao Vivo.

As dezasete categorías musicais que se premian son: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Músicas do Mundo, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular.

En total, estes galardóns botarán luz sobre 51 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música
galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo.

Os procesos de selección e votación dos Premios Martín Códax da Música comezan unha vez que se pecha o periodo de inscrición de proxectos a principios de setembro. A inscrición de proxectos é libre e gratuíta. Durante setembro, un xurado profesional, formado por tres representantes do ámbito da comunicación, da formación musical e da industria e dúas músicas/os, encárgase de avaliar e puntuar todos os proxectos inscritos. Do traballo do xurado sairá a listaxe de finalistas con 51 proxectos seleccionados, 3 por categoría.

Serán as socias e socios de Músicas Ao Vivo quen votarán nunha segunda rolda para escoller os proxectos premiados nesta oitava edición, que culminará nunha gala de entrega o 27 de outubro de 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Está pasando!