Redondela presenta a segunda exposición de maquetas ‘A nosa pequena vila’ de Gene Muíños Reboredo

11 Agosto 2026

  • A mostra nace como continuación da primeira edición de agosto de 2023 e inclúe novas reproducións de edificios da vila.
  • Son máis de 100 maquetas que poderán visitarse no Multiusos da Xunqueira do 13 de agosto ao 15 de setembro.

Concello de Redondela acolle a segunda edición da exposición de maquetas ‘A nosa pequena vila’, unha mostra artística realizada polo veciño e creador Gene Muíños Reboredo.

Esta nova exposición dá continuidade á primeira edición celebrada con grande éxito en agosto de 2023, ampliando agora a colección con pezas inéditas e novas recreacións de edificios emblemáticos do municipio. Son en total máis de 100 maquetas que recollen a vila de Redondela.

A exposición abrirá as súas portas o vindeiro xoves 13 de agosto ás 20.00 horas no Multiusos da Xunqueira, onde permanecerá ata o 15 de setembro. A través desta colección ampliada de pezas a escala (1,5:100), os visitantes poderán realizar un percorrido visual máis completo polas construcións senlleiras do municipio.

Os edificios están plasmados con gran realismo, rigor e precisión artesanal e as maquetas contan con todo luxo de detalles, incluído o mobiliario urbano ou esculturas.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o valor desta cita cultural e o orgullo que supón para o municipio contar co talento de Gene Muíños: “Despois do grandísimo interese que espertou a primeira mostra en 2023, é un privilexio presentar esta ampliación.

O traballo de Gene Muíños non é só unha demostración de paciencia e precisión artesanal, senón unha homenaxe de valor incalculable á nosa identidade e á riqueza arquitectónica de Redondela”. Rivas engadiu que “con esta segunda edición, veciños e visitantes teñen unha oportunidade única para redescubrir a nosa vila dende unha perspectiva nova e minuciosa, que protexe e difunde a nosa memoria histórica”.

Dende o Goberno local convídase a toda a veciñanza e visitantes a achegarse ao Multiusos para descubrir estas novas incorporacións, poñer en valor a memoria de Redondela e apoiar o talento dos creadores locais.

Está pasando!