Sheila Patricia actuará na Gala da Lamprea que se celebrará o domingo 20 de abril no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo

14 Abril 2025

  • A unha semana da Festa da Lamprea, o Concello de Arbo organiza un ano máis a Gala da Lamprea o vindeiro 20 de abril ás 18:00 horas no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo
  • A festa, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de abril, chega este ano á súa edición número 65 e faino en plena forma, conseguindo cada ano máis notoriedade e transcendencia, cada vez máis lonxe das nosas fronteiras
  • O Concello de Arbo, homenaxeará a deportistas, asociacións e entregará o Galardón de Arbenses Distinguidos que este ano recae nos pescadores

Un ano máis o Concello de Arbo homenaxeará aos seus pequenos grandes artistas do CEIP Antonio Carpinteiro, aos Gañadores dos Concursos de Carteis da LXV (65) Festa da Lamprea, aos gañadores do Certame Brais Alonso, ao Equipo Benxamín de Arbo, C.F que quedaron Primeiros de liga nesta tempada 2024/2025.

Tamén recibirán un recoñecemento a Asociación Evaristo de Sela polos 25 anos de historia, a Banda de Música de Arbo polos seus 30 anos de historia, a favor da Cultura Arbense, configurándose como un dos acenos de identidade de Arbo.

Un dos momentos máis especiais da gala será a entrega dos galardóns Arbenses Distinguidos 2025: aos pescadores e pescadoras de Arbo, que con esforzo e un saber memorable, contribuíu a conservar un legado que nos caracteriza, manter viva a historia dun pobo, abarcando o seu significado histórico, humano, económico e gastronómico e transmitindo a importancia que a Lamprea, o Río Miño e a Pesca, ten para Arbo e os Arbenses.

“Arbo, é berce de grandes artistas, ben sexa pintando, escribindo, cun instrumento, enriba dun escenario ou cun balón nos pés. Demostrado queda, e a cada un deles e delas queremos render homenaxe na nosa Gala da Lamprea” – explica o alcalde de Arbo, Horacio Gil- “A todos e todas, querémoslles desexar que sigan traballando, con esforzo e dedicación poderán chegar ata onde o propoñan e seguir brillando”.



O acto da Gala, rematará cun concerto da artista galega Sheila Patricia, que volverá aos escenarios, con ‘Laboratorio sonoro’ cuns elementos musicais guitarra, pandeireta e algún instrumento de vento.

Cantautora e intérprete, Sheila Patricia crece e desenvólvese na paisaxe das “Rías Baixas”, Galicia. Desde moi nena encamíñase, de maneira amateur cara aos escenarios. Recibe clases de solfexo, frauta travesera, gaita e danza tradicional así como de canto de maneira sempre independente e en academias. Posteriormente decántase pola guitarra, dando os seus primeiros acordes coa idade de 14 anos.

“Os días 25, 26 e 27 de abril, os veciños e veciñas de Arbo, os visitantes e turistas poderán degustar a lamprea, elaborada en diferentes estilos: empanada, guisada, seca, chea… acompañada dos viños das Adegas de Arbo, mentres gozan dunha programación cultural e de lecer para todos os públicos”, finaliza o alcalde de Arbo.

Está pasando!