‘Un país de festas e ritos’, xa está aquí o ciclo para coñecer en familia o patrimonio festivo e ritual de Pontevedra

9 Febreiro 2023

  • Ao longo do ano serán celebradas un total de 16 sesións que inclúen unha charla didáctica, un conto e un obradoiro de debuxo para aprender e gozar de xeito conxunto, cativos e adultos
  • A área de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra pon en marcha de novo este programa de carácter anual que precisa de inscrición previa dentro do programa Apego

Diferentes familias de Pontevedra volverán poder achegarse ao patrimonio das parroquias e aos ritos e crenzas que rodean as festas a través do ciclo ‘Un país de festas e ritos’ impulsado pola concellaría de Normalización Lingüística dirixido por Alberto Oubiña, dentro do programa Apego.

O ciclo propón un seguimento festivo ritual ao longo de todo o ano co fin de entender e contextualizar algunhas das festas máis significativas do concelo de Pontevedra, aproveitando o patrimonio local, fomentando o uso da lingua galega, desenvolvendo a creatividade e a imaxinación, e ideando unha actividade de aprendizaxe conxunta interxeracional.

Un país de festas e ritos está dirixido a familias con nenas e nenos de 3 a 6 anos, contando con 16 sesións distintas, cun tempo estimado para cada unha de 90 minutos. Cada unha delas abranguerá:

  • Unha charla didáctica a cargo do antropólogo Rafael Quintía, de Ab Origine Antropoloxía, sobre unha das festas do ciclo ritual do ano de especial relevancia nesa parroquia. Dependendo do lugar, poderá completarse cun pequeno percorrido interpretativo polo espazo natural ou patrimonial.
  • Un conto relacionado coa festa ou co rito presentado
  • Un obradoiro de debuxo guiado. As actividades creativas e contacontos correrán a cargo de Carlos Taboada e Enrique Mauricio, de Polo Correo do Vento.

A continuación é posíbel consultar todas as actividades preparadas para este ano:

  • 5 febreiro. Festas ígneas do inverno: fachóns e candeloria. Ás 12 h en Ponte Sampaio, Illa de Medal ou Insuíña.
  • 12 febreiro. O Entroido: significado, ritos e personaxes. Ás 12 h en Marcón, área de lecer da Chan da Parafita. Monte da Fracha.
  • 5 marzo. Os ritos de comensalidade: xantares, banquetes, comidas e papatorias rituais. Ás 12 horas en Salcedo, adro da Igrexa.
  • 25 marzo. Mitos e ritos da romaría de san Cibrán. Ás 12 h en Tomeza, capela de San Cibrán.
  • 15 abril. Semana santa: plantas máxicas, lume novo e augas milagreiras. Ás 17 h en Alba, capela de San Caetano.
  • 29 abril. O ciclo dos maios: o espertar da natureza. Ás 17 h en Mourente, miradoiro de Mourente.
  • 27 maio. O corpus: danzas, máscaras e dragóns. Ás 18.30 h en Cerponzóns, adro da igrexa de San Vicenzo.
  • 10 xuño. A festa de san Xoán: ritos e tradicións dunha noite solsticial. Ás 18.30 h en Xeve, adro da igrexa de Santo André.
  • 1 xullo. A romaría de san Bieito: romaxes, curacións e santos policlínicos. Ás 18.30 h en Lérez, adro do mosteiro de San Salvador.
  • 22 xullo. Santiaguiño do Burgo: o mito de Santiago en Pontevedra. Ás 18.30 h en Pontevedra, ponte do Burgo, na banda do Burgo.
  • 23 setembro. O tempo dos seráns e fiadeiros. Ás 12 h en Campañó, parque forestal do Monte Tomba.
  • 28 outubro. A festa de defuntos e a noite dos calacús. Ás 12 h en Lourizán, área recreativa do Regueiriño.
  • 4 novembro. A matanza: comidas rituais e crenzas sobre o porco en Galicia. Ás 12 h en Verducido, encoro do Pontillón do Castro.
  • 25 novembro. O magosto. Ás 12 h en Santa María de Xeve, parque do centro cultural.
  • 16 decembro. O Nadal: mitos e crenzas. Ás 12 h na Canicouva, adro da igrexa de Santo Estevo. Cama do santo.
  • 17 decembro. O Nadal: ritos e tradicións. Ás 12 h en Bora, adro da igrexa de Santa Mariña.

Recoméndase levar auga, calzado e roupa axeitada para actividades no exterior; tamén unha mantiña ou esteira para sentar no chan.

Todas actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas.

As inscricións abriranse por quendas. É posíbel solicitar praza a través da web oficial do Concello de Pontevedra, na área de Apúntate.

No caso de querer máis información, o servizo de Normalización Lingüística atenderá calquera petición nas seguintes opcións: o teléfono 986 863 157 e o enderezo electrónico normalizaciónlinguistica@pontevedra.eu

Está pasando!