Xacobe Rodríguez, Tareixa Alonso e Demetrio Gómez na presentación dos ‘Domingos do Principal’ | Concello de Pontevedra

Unha nova edición dos ‘Domingos do Principal’ chega o 2 de febreiro con 4 propostas variadas para cativada e familias

24 Xaneiro 2025

  • O ciclo de artes escénicas para público infantil e adulto, contará en 2025 con dúas tempadas, xa que tamén terá lugar a habitualmente programada en outono, entre outubro e novembro.
  • Nas próximas semanas as compañías Roi Borrallas (Galiza/Cataluña), Artika Cía (Galiza), Elefante Elegante (Galiza) e La Chana (Salamanca) achegarán ao Teatro Principal espectáculos de teatro, monicreques, música ou clown.
  • Será nas xornadas dos domingos 2, 9, 16 e 23 de febreiro con pase dobre ás 12.00 e 18.30h.
  • Os abonos para todo o ciclo a un prezo de 12 euros e as entradas para cada espectáculo, ao prezo habitual de 4 euros, estarán á venda en Ataquilla.com a partir do sábado 25 de xaneiro ás 12:00h.

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Xacobe Rodríguez de Teatro Akatro, una nova edición dos ‘Domingos do Principal’ que botará a andar o vindeiro 2 de febreiro e contará con 4 espectáculos, cada domingo ata o día 23 inclusive.

O concelleiro apuntaba que “estamos moi contentos porque Pontevedra non para. Esta fin de semana temos os Feroz pero xa estamos preparadas e preparados para que a partir da próxima semana isto siga a ser un fervedoiro. Queremos presentarvos hoxe a primeira tempada dos ‘Domingos do Principal’, a tempada de inverno, que virá seguida doutra en outono porque este ano queremos facer un esforzo moi grande, non só con ‘Domingos do Principal’, para o público infantil e familiar e imos ter ao longo do ano varias sorpresas.

Comezamos por tanto con esta tempada de inverno, con entradas á venda a partir de mañá sábado as 12:00 horas en Ataquilla.com aos prezos habituais de 4 euros as entradas e 12 euros o abono.



Destacar que contaremos con máis alto nivel dentro desta programación. Algo que quero agradecer a Xacobe e Tareixa de Teatro Akatro polo traballo que fixeron de selección de obras, tanto galegas como de fóra do noso país.

Para Pontevedra é un luxo ter unha programación coma esta, pero sobre todo é un luxo ter persoas como estas que son capaces de montar un programa así, como fixo Teatro Akatro e ter tamén empresas como Ovo, capaz de facer algo tan bonito como este cartel. Este traballo colaborativo e conxunto non pode producir máis ca éxitos e agardamos que este mes de teatro para nenos, nenas e familias, sexa tamén un éxito”.

Xacobe Rodriguez iniciou a súa intervención agradecendo ao Concello “porque confiaron en nós e nos dan plena liberdade para poder escoller os espectáculos. Levamos xa un montón de anos con esta programación e traemos a metade dos espectáculos de fóra e a metade de aquí.



Para debullar a programación, comezamos o primeiro domingo coa compañía Roi Borrallas: un clown galego asentado en Cataluña que montou a súa propia compañía. Trae un espectáculo delicado, que combina monicreques con traballo de clown e manipulación. É digno de ver non só para público infantil senón para público adulto. Podería ser programado en Ponteatro e tería o mesmo éxito. Acumula unha morea de premios e vai sorprender.

O domingo 9 contaremos coa compañía veciña Artika, de Vigo, que vén cun espectáculo musical e trata o tema da diferencia, do rechazo ao que vén de fóra, etc. Un espectáculo amable, musical e divertido.

O 16 de febreiro traemos a tamén galega Elefante Elegante, cun espectáculo plástico, visual, que fai reflexionar sobre a vellez e as situacións que se dan coa xente maior, o esquecemento, a soidade, etc. Traballa con linguaxe xestual que permite que haxa varias lecturas do espectáculo para a cativada e o público adulto.

Acabamos o último domingo de febreiro con La Chana que trae ‘Blancanievas’. Unha compañía de Salamanca que leva traballando dende o ano 87 e empregan a palabra e os obxectos. Nesta ocasión é unha versión en verso de Blancanieves onde todos os personaxes son lámpadas. É un espectáculo para cativada a partir de 6 anos con moitas chiscadelas para público adulto. Foi gañador do Premio Max no 2023 entre moitos outros recoñecementos.

Facemos un percorrido no mes de febreiro por estes espectáculos e como decía Demetrio, temos que gardar un pouquiño porque como este anos temos dobre tempada, hai que esperar para ver o que vén en outubro”.


Domingo 2 de febreiro • 12:00 e 18:30h

SOLO’ – Roi Borrallas (Galiza /Cataluña)

Un pallaso ten que estar no palco, co seu público. Mais, que acontece cando queda só? É no camarín onde se mesturan persoa e personaxe. Onde se desfigura a liña que os separa. Un limbo que non é o escenario nin a vida real.

É nesa fronteira onde ten lugar este espectáculo… Pasen e vexan a traseira deste artista, as súas ideas e tolemias, o que ninguén ve, un pallaso cando ninguén o observa.

Premio Fetén 2023 ao Mellor Intérprete

Premio Zirkolika 2022 ao Mellor Espectáculo De Pallasos

Premio da Crítica ao Mellor Espectáculo Nacional de Circo 2024

Premio da Crítica seleccionado para Mellor Espectáculo Familia 2024

Clown

  • Duración: 45 minutos
  • Recomendado a partir de 8 anos e público adulto

Domingo 9 de febreiro • 12:00 e 18:30h

‘PUM, PUM. QUEN HAI?’ – ÁRTIKA Cía (Galiza)

Descobre a maxia dunha aldea galega onde cada día é un xogo. Pum! Pum! Quen hai? É unha comedia musical que nos introduce na vida de Gaia, unha nena espelida que nos guía a través dos xogos tradicionais do seu pobo. Xunto a personaxes tan carismáticos como tía Maruxa e don Rosmón, Gaia desafía os segredos das portas veciñas, enredando a todos nunha aventura de risas e revelacións.

Cando aparecen novos e misteriosos veciños, o pobo enfróntase aos seus medos cunha serie de equívocos cómicos que nos lembran a importancia da aceptación e a diversidade.

Comedia musical.

  • Duración: 45 minutos
  • Recomendado a partir de 4 anos

Domingo 16 de febreiro • 12:00 e 18:30h

‘KIOKI’ – Elefante Elegante (Galiza)

‘KYOKI’ aborda a temática do esquecemento, da vellez e da soidade.

‘KYOKI’ é unha ollada cómplice, reflexiva e sensible ás experiencias que viven tanto as persoas que precisan ser coidadas, como as propias coidadoras.

A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá.

Teatro xestual, monicreques, maxia e música.

  • Duración: 45 minutos
  • Recomendado a partir de 6 anos e público adulto

Domingo 23 de febreiro • Teatro Principal • 12:00 e 18:30h

‘BLANCANIEVES’ – La Chana Teatro (Salamanca)

Espectáculo en verso que interpreta o conto dotando de humor e poesía visual e literaria, no que os protagonistas son representados por lámpadas e candelabros. Un auténtico xogo de volumes e tamaños.

  • Premio Max ao Mellor Espectáculo Infantil, Xuvenil ou para Público Familiar 2023
  • Premio do Público ao Mellor Espectáculo Infantil na Feira de Teatro de Castela e León 2020
  • Premio Titirimurcia ao Mellor Espectáculo 2021
  • Premio ao Mellor Espectáculo do Festival Parque de las Marionetas de Zaragoza 2023

Teatro de obxectos.

  • Duración: 60 minutos
  • Recomendado partir de 6 anos e público adulto
Está pasando!