Fotograma de ‘Endless Sea’ | © Concello de Bueu

A curta estadounidense «Endless Sea» faise co Primeiro Premio do FICBUEU e a canadense «Invincible» conquista o Premio do Público

18 Setembro 2023

  • A película holandesa «Ma mére et moi» obtén o Segundo Premio e a somalí «Will my parents come to see me» recibe unha mención especial do xurado
  • O Festival distingue tamén a «Ulises», do realizador Félix Brixel, como a mellor curtametraxe galega, e «Arquitectura Emocional 1959», de León Siminiani, leva o galardón á mellor cinta española
  • A peza «30’ 70 60’ 120», da directora viguesa Marta Valverde, é a gañadora na sección «GZ_00», que amosa o traballo da nova xeración do audiovisual galego
  • A actriz coruñesa Luísa Merelas recolleu o Premio Cinema Galego FICBUEU 2023 en recoñecemento á súa traxectoria artística

«Endless Sea», do director estadounidense Sam Shainberg, é a curtametraxe gañadora da «Sección Oficial» da 16ª edición do FICBUEU. Anunciouno onte a concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, nun acto celebrado no Centro Social do Mar de Bueu. De entre as 28 curtas a concurso, o xurado concedeulle a esta cinta o Primeiro Premio FICBUEU, dotado con 2.000 euros, «pola súa crúa enerxía, a súa desafiante produción, a súa magnética interpretación principal e un benvido toque de humor negro». Así se referiron os seus membros –os produtores de cinema Silvia Lobo e Manuel Monzón xunto a Mihai Chirilov, director artístico, crítico e membro da Academia de Cinema Europeo– a esta película que conta a «apaixoante historia de supervivencia» de Carol, unha muller de 70 anos «que loita contra o sistema» cando non pode mercar a súa medicación para o corazón.

A película «Ma mére et moi», da realizadora holandesa Emma Branderhorst, mereceu o Segundo Premio FICBUEU por «captar de forma sutil e delicada ese momento decisivo co que todo o mundo se identifica, cando un fillo ten que crecer e unha nai ten que deixalo ir». Esa é a historia, a da moza Kees e a súa nai Lois, que reflicte esta curta. Emma Branderhorst, quen o ano pasado levou o Premio do Público con «Spotless», filme no que visibiliza a pobreza menstrual, non puido recoller en persoa o galardón do Festival (dotado con 1.000 euros), pero si o fixo a guionista do filme, Nena van Driel. A encargada de entregarllo foi a vicealcaldesa de Bueu, Isabel Quintás. Van Driel falou ante o público do Festival para agradecer o premio ao xurado, que escolleu Ma mére et moi entre «tantos filmes inspiradores» e asegurou que «foi un honor que a nosa película se proxectara con todos eles». «É moi emocionante ver canta xente da zona se interesa polas curtas neste festival. É algo verdadeiramente especial», engadiu.

O xurado tamén realizou unha mención especial á cinta «Will my parents come to see me», do realizador somalí Mo Harawe, «unha curtametraxe de gran forza sobre aferrarse á vida cando un se enfronta á pena de morte».

Mellor curta galega

O palmarés oficial do FICBUEU 2023 complétase con dous filmes máis. Un é «Ulises», obra de Félix Brixel, realizador de Rianxo, que acada o premio á mellor curtametraxe galega pola súa «historia enigmática e intrigante sobre o amor fraternal» e polos «impactantes efectos visuais» que a complementan. Brixel recibiu o galardón de mans de Fon Cortizo, da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA). A outra película distinguida é «Arquitectura emocional 1959», do director cántabro León Siminiani, que leva o premio á mellor curta española. O xurado destaca dela «a súa orixinalidade lúdica, que mestura pasado e presente, amor e política, a través do cinema e a arquitectura».

O fallo do público

O Premio do Público, outorgado co seu voto polas espectadoras e os espectadores do FICBUEU, recae nesta edición na película canadense «Invincible», de Vincent René-Lortie, inspirada nunha historia real. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), encargouse de anunciar a curta elixida polo público asistente ás proxeccións durante toda esta semana como a mellor entre as exhibidas na «Sección Oficial» do Festival. A historia das últimas 48 horas de vida dun mozo de 14 anos recluido nun centro de menores e cunha urxente necesidade de liberdade foi a que máis impactou no público.

A actriz Luisa Merelas, homenaxeada

O galardón honorífico do certame, o Premio Cinema Galego FICBUEU, foi este ano para a actriz coruñesa Luísa Merelas, que estivo no acto celebrado en Bueu. A intérprete de series tan coñecidas como «Pratos Combinados» e «Fariña» ou películas como «Los lunes al sol» ou, máis recentemente, «As bestas», foi homenaxeada no Festival pola súa longa traxectoria profesional e a súa contribución ao sector do audiovisual galego.

Premios para as novas e os novos cineastas

A directora Anxos Fazáns, en nome do xurado Descubertas, foi a responsable de anunciar os premios elixidos nas categorías «GZ_00», «Descubertas» e «Escolas Internacionais».

A curta «30’ 70 60’ 120», da directora viguesa Marta Valverde, fíxose co galardón na primeira das tres seccións, creada para amosar o traballo que está a facer a nova xeración de cineastas en Galicia. De feito, Valverde resultou gañadora cunha «peza arriscada que mestura xéneros e estilos saíndo estupendamente ben parada».

No apartado «Descubertas» a curta vencedora nesta edición é «Buurman Abdi», do holandés Douwe Dijkstra. O xurado valorou a súa orixinalidade e capacidade de transgresión, «chea de emoción e humor». En «Escolas Internacionais», espazo que amosa os traballos máis destacados que se fan en centros de cinema de todo o mundo, o premio foi para a película italiana «Raíces», do Centro Sperimentale di Cinematografia. Sara Moschini, unha das realizadoras do filme xunto a Maddalena Brozzi e Laura Cagnoni, recolleu o premio a unha película que aborda con beleza formal e sinxeleza narrativa o universo en torno á perda dun ser querido.

Está pasando!