A sexta edición do Festival de Cine Inclusivo homenaxea ao director galego Xavier Bermúdez

11 Outubro 2021

  • O festival arrancará cunha retrospectiva sobre o director coa proxección de ‘León y Olvido’ e ‘Olvido y León’
  •  Bermúdez foi o primeiro director español en rodar un filme cun actor protagonista con síndrome de down

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo arrancará a súa programación o vindeiro 12 de outubro cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez, ao que o festival quere homenaxear por ser o primeiro director español en rodar un filme cun actor protagonista con síndrome de down. Durante o primeiro día de festival proxectaranse os filmes ‘León y Olvido’ (2004) e ‘Olvido y León’ (2021) e Bermúdez recollerá este premio honorífico das mans de Marta Larralde, actriz protagonista en ambos filmes.

‘Olvido y León’, estreada a comezos deste ano segue o rastro dos protagonistas de ‘León e Olvido’. Quince anos máis tarde Olvido acepta que os seus problemas non están relacionados coa relación que mantén co seu irmán xemelgo, León, que ten síndrome de down. O que realmente lle ocorre é que está baixo a influencia de poderes que non coñece e que tecen ao seu redor unha cárcere de insatisfacción persoal. Este ano o festival está dedicado á saúde mental, un tema que trata este filme ao amosar que o que realmente está sufrindo Olvido é un episodio de depresión.

Ambos filmes están protagonizados pola actriz viguesa Marta Larralde e Guillem Jiménez, quen faleceu recentemente. Este festival naceu co obxectivo de valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión e Bermúdez foi un pioneiro nesta materia. Por ese motivo, se lle quere render esta merecida homenaxe.

O festival que se celebrará do 12 ao 16 de outubro no Auditorio do Concello, o Museo MARCO e o cine Salesianos, contará como cada ano cunha sección de curtas audioescritas e subtituladas para que persoas con discapacidade auditiva ou visual poidan gozar do sétimo arte, outro dos piares do evento.

Breve ‘bio’ sobre Xavier Bermúdez

Formado como realizador de curtametraxes e axudante de dirección, Xavier  Bermúdez iníciase no campo da longametraxe con ‘Luz negra’ en 1992. Esta ópera prima logra a Mención Especial do Xurado no Festival de Alcalá de Henares.  Ademais, a actriz Mónica Molina, unha dos seus protagonistas, recibe o Premio Especial do Xurado no Festival Internacional de Xixón polo seu traballo no filme.

En 1994  cofunda a produtora  Xamalú Filmes. A súa seguinte longa de ficción, ‘Nena’ (1997), consegue a Mención Especial do Xurado en Alcalá de Henares e é seleccionado no Festival Internacional de Mar do Prata. Con todo, a súa consagración chega con ‘León y Olvido’ (2004), que obtén once premios internacionais e tres nacionais, entre os que se atopa o de Mellor Director no Festival Internacional de  Karlovy  Vary.

Tras este éxito roda ‘Rafael’ (2008), seleccionado no Festival de Málaga, o Festival Internacional de  Montpellier e nas mostras de cinema galego de  Fantasporto, Portugal e da  Filmoteca de Madrid. Despois realizou ‘O ouro do tempo’ (2013), que participa na Sección Oficial do Festival Internacional de  Karlovy  Vary e consegue tres premios internacionais, nos festivais de  Varna,  Dürres e  Calanda. A súa última longametraxe é ‘Olvido y León’, que continúa coa historia dos protagonistas da súa longametraxe de 2004, inaugurou a 25ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) e acaba de ser seleccionada para o Festival Internacional de Singapur.

Está pasando!