Domingos do Principal bota a andar o vindeiro 2 de outubro co espectáculo ‘Cris, pequeña valiente’ de El Espejo Negro, gañador do Premio Max 2022 ao Mellor Espectáculo Infantil e Familiar

21 Setembro 2022

Xa están en venda en Ataquilla.com abonos a un prezo de 19 euros + gastos e entradas soltas para os 8 espectáculos que terán lugar en sesión de mañá ás 12:00 horas e de tarde ás 18:30 horas ata o o 20 de novembro

O ciclo de artes escénicas para público familiar trasladouse ao segundo sementre do ano por mor das obras de mellora levadas a cabo no Teatro Principal

Os escolares de primaria poderán gozar de 3 das 8 pezas dentro dos Luns do Principal, concertados en exclusiva con centros de ensino


Os Domingos do Principal botarán a andar o vindeiro 2 de outubro e ata o 20 de novembro acollerán 16 pases (matinal ás 12:00 horas e de tarde ás 18:30 horas) de 8 espectáculos para público infantil e familiar entre os que atoparemos monicreques, teatro de actor ou danza, chegados de Galicia pero tamén de Andalucía, Euskadi ou Cataluña.

O ciclo, que contará tamén con 3 pases concertados con escolares, adoita ter lugar no primeiro semestre de ano pero esta edición mudou as súas datas habituais ao último trimestre por mor das obras levadas a cabo no Teatro Principal que reabriu as súas portas o pasado 5 de setembro.

O público interesado pode mercar anticipadamente en Ataquilla.com abonos para todo o ciclo a un prezo de 19 euros + gastos ou entradas soltas para os espectáculos, a un prezo único de 4 euros+ gastos. De non esgotarse na venda anticipada, o despacho de billetes do Principal abrirá unha hora antes de cada pase.

Deixamos a continuación as datas, horarios, sinopse, duración e idade recomendada de cada unha das pezas que serán representadas nas próximas semanas.


DOM 2 OUT. 12:00 e 18:30 h. ‘Cris, pequeña valiente’ de El Espejo Negro (Andalucía)

Esta é a historia de Cristina, unha nena que ao nacer pensaron que era un neno. Si, un neno… Cris, que é como lle gusta que a chamen, é unha nena trans, sorrinte e intelixente que loita polo seu dereito a ser a persoa que é e sente. Desexa ter un futuro cheo de liberdade e oportunidades para medrar e desenvolverse coma calquera outra nena da súa idade.

  • Premio MAX 2022 mellor espectáculo para público infantil, xuvenil ou para público familiar
  • Premio FETÉN 2021 ao mellor espectáculo
  • Premio do público MIT Ribadavia 2021
  • Premio especial do xurado 38 edición F.A.E. de Palma 2021
  • Premio Teatro Ateneo de Málaga al mejor espectáculo infantil 2021
  • Premio Lorca Espectáculo para la Infancia y Familiar 2022

Teatro de actor e monicreques recomendado a partir de 6 anos e público adulto.

Duración aproximada: 65 minutos.

‘Cris, pequeña valiente’ | © El Espejo Negro

DOM 9 OUT. 12:00 e 18:30 h. ‘As pitas baixo a choiva’ de Teatro dos Ghazafelhos (Galiza)

Ludivina e Tereija son dúas pitas que viven no curral da Barreira. Están agardando a visita de Ricardiño, o neno que ven ás veces xogar con elas. Pero temen que ese día chova, pois cando isto pasa Ricardiño tolea e perségueas ate pechalas no curral. Coa axuda do Galo Chafarís e o raposo Rosende, tentarán que o neno, deixe de tolear coa choiva e siga a xogar con elas…

Adaptación do conto de Ricardo Carvalho Calero ‘As pitas baixoa choiva’.

Teatro de actor recomendado a partir de 5 anos.

Duración: 50 minutos.

‘As pitas baixo a choiva’ | © Teatro dos Ghazafelhos

DOM 16 OUT. 12:00 e 18:30 h. ‘A cazola de Lola’ de Tanxarina (Galiza)

Lola sempre arrastra un cazo atrás dela. O cazo caeulle un día enriba… Non se sabe moi ben por que. Por causa deste cazo, Lola xa non é de todo coma os demais. Precisa de moito agarimo, é moi sensible e ten un gran sentido artístico. A miúdo as persoas só ven nela ese cazo que arrastra por todas partes. E atópano raro… Ademais, o seu cazo complícalle a vida.

Afortunadamente existen persoas marabillosas, só fai falla dar cunha delas….

Teatro de obxectos recomendado a partir de 5 anos.

Duración: 50 minutos.

‘A cazola de Lola’ | © Tanxarina

DOM 23 OUT. 12:00 e 18:30 h. ‘Camiño de historias’ de Migallas Teatro (Galiza)

Espectáculo constituído por tres historias de tradición oral procedentes de diversos países de fala portuguesa, que abordan dunha maneira amena e divertida cuestións como a interculturalidade e os dereitos humanos. En cada unha o público ten que atopar a palabra que é aesencia desa historia, e que xunto coas outras dúas constitúe unha fórmula para que as persoas sexan felices.

Teatro de actor e monicreques para todos os públicos.

Duración: 60 minutos.

‘Camiño de historias’ | © Migallas Teatro

DOM 30 OUT. 12:00 e 18:30 h. ‘Soy una nuez’ de Zum Zum Teatre (Catalunya)

A avogada Marinetti é unha muller implacábel e amargada que ten denunciado a case todos os veciños. A súa vida cambia o día en que Omar, un neno refuxiado (un MENA, migrante menor non acompañado), cae dunha póla da súa nogueira. O neno transforma a súa vida por completo e para poder quedar con el di que é unha noz, e que segundo unha antiga lei todo froito que cae no seu xardín é da súa propiedade. O xuíz e o fiscal escoitan as testemuñas. Mentres Omar lembra como fuxíu do seu país en guerra e como perdeu a seus pais no mar, esperando ter unha oportunidade na vida.

  • Premio FETEN 2021 Mellor dirección – Ramón Molíns
  • Premio FETEN 2021 Interpretación coral

Teatro de actor recomendado a partir de 6 anos e público adulto.

Duración: 60 minutos.

‘Soy una nuez’ | © Zum Zum Teatre

DOM 6 NOV. 12:00 e 18:30 h. ‘ELA’ de Caramuxo Teatro (Galiza)

ELA crea un mundo fantástico a través das cores, a arte e o universo creativo da pintora Maruxa Mallo. Unha mistura de poesía, humor, teatro e danza onde descubrir o imaxinario desta muller
excepcional. Un poema plástico para gozar en familia.

Espectáculo de teatro e danza recomendado a partir de 4 anos e público adulto.

Duración: 40 minutos.

‘ELA’ | © Caramuxo Teatro

DOM 13 NOV. 12:00 e 18:30 h. ‘Tarzán en el diván’ de Mar Mar Teatro (Euskadi)

Quen lava os milleiros de sabas e toallas dos hoteis? A cidade está convertida nun caos. Alguén abriu as gaiolas dos animais do zoo e andan ceibos. O sospeitoso é levado á consulta do Dr Angelotti, un coñecido psicólogo arxentino.

— Como se chama?

— “Queren que sexa o conde de Greystoke pero eu prefiro ser Tarzán”.

Nesa terapia repasaremos os principais episodios da vida de Tarzán.

Teatro de actor recomendado a partir de 6 anos e público adulto.

Duración: 60 minutos

‘Tarzán en el diván’ | © Mar Mar Teatro

DOM 20 NOV. 12:00 e 18:30 h. ‘Las Cotton’ de Anita Maravillas e Portal 71 (Euskadi)

Deixando atrás os perigos da súa vila natal, as Cotton marchan á cidade na procura de novas oportunidades e unha nova vida.

Espectáculo inspirado nas loitas obreiras das mulleres na industria téxtil de comezos do século XX en plena revolución industrial. Un exemplo de como se poden cambiar as cousas manténdose unidas.

  • Premio FETEN 2021 ao mellor espectáculo de títeres

Teatro de monicreques recomendado a partir de 5 anos e público adulto.

Duración 50 minutos.

‘Las Cotton’ | © Anita Maravillas e Portal 71

Está pasando!