This is a repeating event

A Noite dos Calacús 2026 en Pontevedra

wed28octAll DayA Noite dos Calacús 2026 en PontevedraDo 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026(All Day: wednesday) Cidade de Pontevedra - Pontevedra

Event Details

A Noite dos Calacús 2026 traslada a súa programación do Mercado de Abastos á Casa da Luz, soportais da Ferraría e rúa San Román co foco posto na violencia de xénero.

Sobre as actividades previas, o venres 23 ás 17.00 horas e sen necesidade de inscrición previa terá lugar unha visita guiada ao cemiterio de Santo Amaro, dirixida a público infantil e familiar. O domingo 25 ás 18.00 horas terá lugar a mesma proposta dirixida a público adulto.

O evento principal terá lugar na xornada do día 31 de outubro cunha morea de obradoiros para público infantil e familiar e a xa tradicional Procesión das ánimas coa participación de Adarve e Teatro con Lingua. A partir do luns 26 ás 17.00 horas poderán formalizarse as inscricións para as actividades que precisen dela a través do correo-e: anoitedoscalacus@gmail.com

Na tarde do día 31 diversos locais da hostalaría do casco histórico sumaranse á iniciativa con ambientación especial e DJs. A música cesará durante a Procesión das ánimas e retomará actividade ata case medianoite.

E dentro das propostas paralelas, diversas panadarías da cidade elaborarán as súas receitas do pan de ánimas para despachar entre o 26 de outubro e o 1 de novembro. Serán Acuña, Amásame Bakery Lab, A Devesa, Xeve, Panadaría Conchi, Confitería Solla, Millo Obrador, Entremigas, Anxemí e Pontepan.

 PROGRAMA DA NOITE DOS CALACÚS 

VENRES 23 DE OUTUBRO

  • VISITAS GUIADAS AO CEMITERIO DE SANTO AMARO. 17.00 horas. Cemiterio de Santo Amaro. “A Pontevedra do alén”. Roteiro para público INFANTIL E FAMILIAR: misterios, aventuras e historias descoñecidas dun espazo único, contadas cunha chea de humor.

DOMINGO 25 DE OUTUBRO

  • VISITAS GUIADAS AO CEMITERIO DE SANTO AMARO. 18.00 horas. Cemiterio de Santo Amaro. “A Pontevedra do alén”. Roteiro lúdico para público ADULTO: coñece in situ a historia do camposanto pontevedrés e das persoas que nel descansan.

VENRES 30 DE OUTUBRO

  • PAQUITA SALAS. PONTEVEDRA SHOW. 18.00 horas. Facultade de Comunicación (UVigo). Para as ánimas máis cinéfilas: proxección especial da serie, concurso de disfraces dos seus personaxes e moitas sorpresas máis!

DO 26 DE OUTUBRO AO 1 DE NOVEMBRO

  • Antigamente, na noite de Defuntos, deixábanse anacos de pan na mesa para as ánimas, que o levaban na súa viaxe cara ao alén. Queremos recuperar este costume, hoxe a piques de desaparecer. Proba a receita especial de PAN DE ÁNIMAS nas panaderías Acuña, Amásame Bakery Lab, A Devesa, Xeve, Panadaría Conchi, Confitería Solla, Millo Obrador, Entremigas, Anxemí e Pontepan.

SÁBADO 31 DE OUTUBRO

OBRADOIROS PARA TODOS OS PÚBLICOS. Casa da Luz – Praza da Verdura. Rúa Conde de San Román, 23. De 17.30 a 20.30 horas.

  • OBRADOIROS DE COLARES DE ZONCHOS. Elaboraremos colares de castañas cocidas, tradición senlleira desta época: cada castaña comida libera unha ánima do Purgatorio. Apuntádesvos a facelos e a lucilos? 2 quendas: ás 17.30 e ás 19.45 horas. Idade: a partir de 6 anos, con persoa adulta. Número de prazas por quenda: 14. É necesaria inscrición previa en: anoitedoscalacus@gmail.com. Prazo de inscrición: a partir do luns 26 de outubro ás 17.00 horas.
  • OBRADOIRO DE COCIÑA DE DEFUNTOS PAN DE ÁNIMAS. Elaboraremos “ao noso xeito” esta receita de culto ás ánimas, que non pode faltar en ningún fogar esta noite. Revive connosco o costume de deixar pan na mesa para lembrar os nosos seres queridos do alén. 1 quenda: ás 18.30 horas. Idade: de 4 a 8 anos. Número de prazas: 14. É necesaria inscrición previa en: anoitedoscalacus@gmail.com. Prazo de inscrición: a partir do luns 26 de outubro ás 17.00 horas.
  • POSTOS DE MAQUILLAXE PARA A PROCESIÓN DAS ÁNIMAS. Dálle o toque final e máis arrepiante ao teu disfrace para desfilar na Procesión das Ánimas. 2 postos de pintacaras dispoñibles de 17.30 a 20.00 horas. Para todos os públicos (menores sempre acompañados dunha persoa adulta). Sen inscrición previa, por orde de chegada.
  • OBRADOIRO DE PANTASMAS E DISFRACES DE ÁNIMAS. Para a procesión das ánimas ás 21.00 horas. Fai connosco o traxe acaído para desfilar na Procesión das Ánimas cara ao Purgatorio máis arrepiante da cidade. Esperámosvos! Nota: hai material para todas as persoas participantes, pero podedes traer a vosa propia saba ou tea branca para o disfrace de ánima. 3 quendas: ás 17.30 h, ás 18.30 e ás 19.30 horas. Para familias con nenas e nenos a partir de 4 anos. Número de prazas por quenda: 14. É necesaria inscrición previa en: anoitedoscalacus@gmail.com. Prazo de inscrición: a partir do luns 26 de outubro ás 17.00 horas.
  • CONTOS DE MEDO E ARREPÍOS. As Toupeiras. ‘Garavanciño e A Noite dos Calacús’. Estrea exclusiva! Garavanciño vai descubrir a noite máis misteriosa do ano… e precisa axuda e compañía! Lendas, música en directo e moitas cousas máis nun contacontos para escoitar en familia e coñecer as nosas tradicións, cun chisco de medo e tamén moitas risas. Planta baixa da Casa da Luz. 3 sesións: ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas. Para público familiar. Sen inscrición previa, por orde de chegada.

OBRADOIROS NOS SOPORTAIS DA PRAZA DA FERRERÍA. De 18.00 a 21.00 horas.

  • OBRADOIRO DE TALLADO DE CALACÚS. Aínda non tedes calacú? Tallade a vosa cabaza con nós para alumear a noite e acompañar as ánimas. Seguro que tedes ideas terrorificamente creativas! De 18.00 a 21.00 horas. Para todos os públicos. Sen inscrición previa, por orde de chegada.

ANIMACIÓN NA CIDADE

  • A partir das 17.30 horas. O comercio local e a hostalaría ambientan os seus establecementos coas tradicións da época de Defuntos galega. Destaca a rúa Conde de San Román, que une a Casa da Luz e os Soportais da Ferrería, onde se desenvolven as actividades para a rapazada e as familias. Ademais, haberá ambientación musical (DJs) e sorpresas en varias prazas e locais:

    • Praza da Verdura. Casa da Luz. De 17.30 a 21.00h.
    • El Chato Bar (rúa Don Gonzalo, 11). De 18.00 a 23.30h.
    • Praza de Méndez Núñez. De 19.00 a 23.30h.
    • Praza do Teucro. De 19.00 a 23.30h.
    • Campiño de Santa María. De 19.00 a 23.00h.

PROCESIÓN DAS ÁNIMAS. 21.00 horas. Polo centro histórico de Pontevedra (saída da Casa da Luz. Praza da Verdura)

  • Fronte ás tradicións anglosaxoas, recuperamos os ritos galegos da época de Defuntos. A Procesión das Ánimas, hoxe coñecida como Santa Compaña, recibía nomes como Compaña, Estantiga, Enxamio, Estadea, Roldiña ou Antaruxada. Unha procesión silandeira que auguraba a morte e que agochaba o perigo de facer que quen se cruzase con ela acabase encabezando o desfile de defuntos. Recuperámola para gozar do lecer en comunidade e para arredar o medo á morte.
  • ANÍMATE A PARTICIPAR NA PROCESIÓN DAS ÁNIMAS!! Ven con sabas, camisóns, roupa branca ou disfrace de pantasma e decora rúas, balcóns, fiestras, portas e escaparates con cabazas, candeas, castañas, ánimas, teas de araña, esqueletos, corvos, curuxas, mouchos…
  • Percorrido: Casa da Luz, praza da Verdura, rúa Sarmiento, praza de Méndez Núñez, rúa Real, praza do Teucro, volta pola rúa Real, Travesía das Ánimas, rúa Don Gonzalo, praza de Curros Enríquez, rúa Soportais, praza da Ferrería, rúa Conde de San Román e volta á praza da Verdura e á Casa da Luz.
  • Coa participación e Adarve e Teatro con lingua.
  • Durante a procesión reducirase a iluminación das rúas e a música de ultratumba acompañará as ánimas. Trae a túa propia candea!

Time

All Day (Wednesday)

Location

Cidade de Pontevedra

Está pasando!