Álvaro Gago, na rodaxe de ‘Matria’ | Asociación Marín de Cine

This is a repeating event

Ciclo dedicado ao cineasta Álvaro Gago en Marín

xov18xuñConsultarCiclo dedicado ao cineasta Álvaro Gago en Marín Cineclub Marín(Consultar: xoves) Concello de Marín - Marín

Detalles do Evento

Cineclub Marín, impulsado pola Asociación Marín de Cine, celebrará os días 18 e 19 de xuño, xoves e venres respectivamente, un novo ciclo dedicado ao director vigués Álvaro Gago, centrado no universo cinematográfico de ‘Matria’ e na construción das personaxes femininas na súa filmografía.

A actividade, xa confirmada pola organización, dará continuidade á liña iniciada o pasado mes de maio co ciclo dedicado a Chano Piñeiro, no que o Cineclub Marín botou a andar cunha proposta aberta ao público marinense baseada na proxección, análise e coloquio arredor do cinema galego.

Nesta ocasión, o foco estará posto nun dos autores máis destacados do Novo Cinema Galego; autor de obras como a curtametraxe e posteriormente a longametraxe ‘Matria’, nas que as personaxes protagonistas reflicten unha imaxe máis próxima á realidade das mulleres traballadoras que soportan a carga emocional e laboral na sociedade galega.

O ciclo contará coa presenza do propio Álvaro Gago durante a xornada do xoves 18 de xuño, onde se desenvolverá unha charla-coloquio aberta ao público seguindo o formato empregado na anterior actividade do Cineclub Marín.

A programación estruturarase arredor da proxección da longametraxe ‘Matria’ e da posterior revisión da curtametraxe homónima que deu orixe ao proxecto, permitindo ao público analizar o diálogo existente entre ambas as obras e comprender a evolución cinematográfica da mesma.

A actividade será de balde e aberta ao público ata completar aforo. Marín de Cine traballa nestes momentos co Concello de Marín para concretar as localizacións definitivas do ciclo e negocia que, polo menos unha das dúas xornadas, poida celebrarse no novo Auditorio Municipal de Marín. A organización amósase optimista respecto desta posibilidade, aínda que a localización definitiva das sesións será comunicada nos próximos días.

O ciclo dedicado a Álvaro Gago será ademais a última actividade do Cineclub Marín antes da pausa estival. A programación regular retomará a súa actividade no mes de outubro, unha vez rematado o período de verán.

Durante os próximos meses, Marín de Cine centrará boa parte dos seus esforzos na organización das actividades infantís e xuvenís incluídas dentro da iniciativa ‘Peque Cine’, un proxecto orientado á educación audiovisual e á creación cinematográfica para os máis pequenos.

Tanto os detalles definitivos do ciclo dedicado a Álvaro Gago como a programación completa de ‘Peque Cine’ serán presentados publicamente nas vindeiras semanas. (Lémbrase aos lectores/as que están xa dispoñibles os bonos anuais do Cineclub. Máis información en cineclubmarin@gmail.com).

Hora

Consultar (Xoves)

Localización

Concello de Marín

Marín

Está pasando!