Exposición 'Marie e Antoine a catro mans' en Marín

ven30outConsultarmér11novExposición 'Marie e Antoine a catro mans' en MarínDE MARIE CALVIÑO E ANTÓN SOBRAL(Consultar) Ateneo Santa Cecilia - Marín

Detalles do Evento

O venres 30 de outubro, ás 19:00 horas, o Ateneo Santa Cecilia inaugura na súa sede, a mostra ‘Marie e Antoine a catro mans’, de Marie Calviño e Antón Sobral

A entrada é gratuíta ata completar a capacidade do local. A exposición estará aberta ao público no Ateneo marinense ata o mércores 11 de novembro. Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:30 horas.

‘Marie e Antoine a catro mans’ é o resultado da colaboración entre dous artistas, Marie Calviño e Antón Sobral, que decidiron pintar os cadros a catro mans; é dicir, obras creadas a medias. A exposición reflicte a confrontación e o diálogo de dous creadores que parten duna profunda interconexión conceptual para realizar obras cun coidadoso proceso de abstracción.

Marie Calviño ten 16 anos. É filla de Iria Sobrino, doutora arquitecta e urbanista de gran prestixio en Galicia, e de Rai Calviño, un dos deseñadores e editores máis relevantes da comunidade autónoma, quen dende o ano 1983 desenvolve o seu traballo en múltiples eidos da cultura galega.

Loxicamente, Marie une ao seu traballo como artista plástica unha educación exquisita, na que sabe entresacar o mellor duns pais sempre preocupados pola formación estética desta artista emerxente.

Pola súa banda, Antón Sobral non oculta os seus 74 anos, nos que, dende os 16, leva desenvolvendo unha intensa traxectoria na pintura, na fotografía, na poesía e na introdución en Galicia do movemento de Arte e Natureza. Realizou máis de trescentas exposicións en todo o mundo (Nova York, Viena, Milán, París, A Habana, Passau…) e mantén unha gran amizade coa nai e o pai de Marie.

Un día, Marie visita o estudio de Antón e deciden poñerse a traballar xuntos. Marie achega a frescura, a paixón pola arte e unha firme convicción e conciencia da realidade do mundo que habitamos. Antón Sobral achega unha experiencia de moitos anos e confesa que aprende máis do atrevemento coa cor e da pincelada tan contundente de Marie que do que el mesmo lle pode ensinar. Marie achega a ilusión de quen comeza, pero sabendo moi ben o que quere.

Esta mostra reúne unha serie de obras onde destaca a liberdade no manexo dos materiais e o uso dunha técnica moi experimental: unha arte conceptual na que a beleza resulta fundamental para ámbolos dous artistas.

O filósofo francés Michel Onfray escribe no seu libro ‘As razóns da arte’: «A educación da mirada resulta indispensable para o xuízo do gusto… o fermoso é o que gusta singularmente sen concepto». Á súa vez, a mirada —como teoriza John Berger— é fundamental tanto para os artistas coma para os espectadores. Dinos Berger: «Facer un buraco no visible é, en certa medida, un xeito de entrar nel».

Marie e Antón pretenden, a través das formas, entrar nese buraco do visible para atrapar a realidade exterior e concretala en algo fermoso. Así, pintando a catro mans, ambos os dous artistas tentan viaxar do macrocosmos ao microcosmos.

Hora

Outubro 30 (Venres) - Novembro 11 (Mércores)

Localización

Ateneo Santa Cecilia

Rúa do Forno, 42 Baixo 36900 Marín

Está pasando!