'O gaiteiro verde' en Pontevedra

mér29mai17:30'O gaiteiro verde' en PontevedraApego na Primavera 202417:30 Concello de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Coa primavera chega a programación do Apego a Pontevedra! Durante os vindeiros meses, as familias do Apego poderán gozar dun amplo programa de actividades para medrar, aprender, socializar e compartir tempo de lecer en galego. Aínda que todas as actividades son de balde, cómpre inscribirse previamente xa que a cabida é limitada.

Existen dous formularios dispoñibles: un específico para as actividades relacionadas cos oficios e outro para as demais actividades do programa

A programación está dirixida a familias con crianzas de 0 a 6 anos e inclúe opcións específicas para as distintas etapas.

As familias con bebés de 0 a 3 anos poderán escoller entre distintos obradoiros musicais e de exploración sonora, guiados pola Fundación Legar, Luís Prego, Samuel Soto e Cé Orquestra Pantasma. Trátase de propostas diversas que traballan arredor de cantigas, arrolos, recitados e primeiros xogos, elementos fundamentais do noso patrimonio lúdico e musical que nestas primeiras etapas son un valioso recurso para reforzar os vínculos afectivos, crear espazos de calma ou de diversión e iniciar os bebés na linguaxe.

As familias con crianzas de máis idade poderán asistir tamén a diversas actividades: o actor e director de teatro Marcos Dios guiará un obradoiro de construción de monicreques de luva inspirados en personaxes de conto; a imprenta ambulante Alouette Machine explicará como fotografar con luz solar e auga algunhas plantas da nosa contorna, ao tempo que as crianzas aprenden a recoñecelas e nomealas; coa Fundación Legar, as familias terán a oportunidade de poñer en relación música e natureza a través dun obradoiro de creación de instrumentos tradicionais con materias primas elementais; e con Migallas Teatro poderán gozar en familia dunha xornada de xogos e resolución de probas relacionadas coa lingua galega.



Outras actividades están orientadas a un abano de idade máis amplo. É o caso de Contos en familia, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, para familias con crianzas entre 1 e 6 anos. Este obradoiro ten como obxectivo fomentar a lectura en familia, cunha proposta que inclúe narración oral, música, unha exposición de libros e un espazo para compartir reflexións, experiencias e inquedanzas relacionadas cos libros e a lectura. No caso de Brincadeiras miudiñas, actividade que pecha o programa, non hai limitación de idade. Nesta actividade de Cé Orquestra Pantasma, que terá lugar o martes 25 de xuño na illa do Covo, teñen cabida familias con crianzas de todas as idades. Será unha xornada de festa con música, xogos tradicionais, creación libre e espazo para bebés, na que descubrir outras formas de xogar en familia, coa natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade.

Por outra banda, o mundo dos oficios tradicionais galegos e o artesanado será o fío condutor dunha serie de actividades guiadas por Polo Correo do Vento e Ab Origine, que arrancan tamén na primavera no marco do programa Apego e se van desenvolver ao longo do ano en distintas parroquias e localizacións do concello de Pontevedra. Trátase de actividades de hora e media de duración, que constan dunha pequena explicación de carácter antropolóxico, un contacontos, un obradoiro de debuxo guiado e un obradoiro de artesanía. As xornadas, que terán acompañamento musical da man de Marcelo Dobode, están orientadas e adaptadas para que as familias con crianzas a partir de 3 anos entren en contacto coa antropoloxía da cultura propia dunha maneira interxeracional e lúdica, a través dos oficios e saberes populares.

As familias do Concello de Pontevedra con crianzas de 0 a 6 anos que queiran formar parte do programa Apego, poden solicitar unha cita para sumarse aquí.



ABRIL

  • 06 SÁBADO • 11.30 h • Adro da igrexa de Cerponzóns

    • Oleiros e telleiros con Polo Correo do Vento e Ab Origine (3+ anos)

  • 21 DOMINGO • 11.30 h • Mosteiro de Lérez

    • Costureiras e palilleiras con Polo Correo do Vento e Ab Origine (3+ anos)

  • 26 VENRES • 17.00 h • Cova dos Libros Fantásticos

    • 17.00 h. Arrolar coa Fundación Legar (0 – 15 meses)
    • 18.30 h. Arrolar coa Fundación Legar (15 meses – 3 anos)

MAIO

  • 03 VENRES • 17.30 h • Cova dos Libros Fantásticos

    • Contos en familia con Cris de Caldas e Xabi do Camiño (1 – 6 anos)

  • 08 MÉRCORES • Cova dos Libros Fantásticos

    • 17.15 h • Prende no colo con Luís Prego e Samuel Soto (0 – 3 anos)
    • 18.30 h • Prende no colo con Luís Prego e Samuel Soto (0 – 3 anos)

  • 11 SÁBADO • 11.30 h • Centro social de Lourizán

    • Cesteiras e cesteiros con Polo Correo do Vento e Ab Origine (3+ anos)

  • 20 LUNS • 17.30 h • Cova dos Libros Fantásticos

    • O monicreque do conto con Marcos Dios (4 – 6 anos)

  • 25 SÁBADO • 11.30 h • Área de lecer Chan da Parafita, monte da Fracha

    • Curandeiras e menciñeiros con Polo Correo do Vento e Ab Origine (3+ anos)

  • 29 MÉRCORES • 17.30 h • Cova dos Libros Fantásticos

    • O gaiteiro verde coa Fundación Legar (5+ anos)

  • 30 XOVES • 18.00 h • Alameda

    • Que viva o galego! con Migallas Teatro (4 – 6 anos)

XUÑO

  • 05 MÉRCORES • 17.30 h • Xardíns do Doutor Marescot

    • Fíos do querer con Cé Orquestra Pantasma (0 – 4 anos)

  • 08 SÁBADO • 11.30 h • Mirador de Monte Porreiro

    • Carpinteiros, ebanistas e toneleiros con Polo Correo do Vento e Ab Origine (3+ anos)

  • 15 SÁBADO • Praia fluvial do Lérez

    • 11.30 h • Cianotipia con Alouette Machine (4+ anos)
    • 12.15 h • Cianotipia con Alouette Machine (4+ anos)

  • 25 MARTES • 17.00 h • Illa do Covo

    • Brincadeiras miudiñas con Cé Orquestra Pantasma (0 – 6 anos)

Hora

(Mércores) 17:30

Localización

Concello de Pontevedra

Está pasando!