Programación 25N en Redondela

dom15nov19:30Programación 25N en Redondela“Game Over. A violencia machista non é un xogo”19:30 Auditorio da Xunqueira - Redondela

Detalles do Evento

O Concello de Redondela presenta unha ampla programación arredor do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, baixo o lema “Game Over. A violencia machista non é un xogo”.

O goberno local desvelou unha axenda completa de actos culturais, institucionais e formativos que contará coa implicación directa da adolescencia a través da realización de podcasts nos institutos do municipio. Esta canle de expresión complementarase cos obradoiros que se imparten nas aulas baixo o título “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr o machismo dixital”.

A programación inclúe tamén o II Ciclo de Teatro Mestra Paulina con perspectiva de xénero. O auditorio da Xunqueira acollerá as obras “Cámara Escura”, de Vórtice Escénico, o domingo 15, e “Feminísimas”, De Ste Xeito Producións, o domingo 22. As dúas citas ás 19:30 horas.

O acto institucional do 25 de novembro celebrarase na praza do Concello ás 12:00 horas, unha cita interxeracional e transversal. Persoas maiores visitarán este mes os centros educativos para compartir cos nenos e nenas as súas experiencias da infancia.

No acto darase lectura ao manifesto do 25N con textos de Asociación Lenda de Saúde Mental, Asociación Andaina de Persoas con Diversidade Funcional e as profesionais do Servizo de Atención Temperá.

A parte artística correrá a cargo de Neves Seara coa peza “Arroz con leite eu quero casar…” e a intervención do grupo “As silenciadas”. O acto pecharase coa tradicional entrega floral na árbore Ginkgo Biloba da rúa Salgueiral.

O VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético entregarase o xoves 26 de novembro ás 12:00 horas na Oficina de Turismo. O prestixioso galardón premia o tratamento rigoroso e ético da violencia machista nos medios de comunicación.

As actividades continuarán co contacontos para público infantil “As tecedeiras da esperanza”, con Anxo Moure. A actividade estará acompañada de obradoiros de reciclaxe. Será o venres 27 de novembro ás 18:30 horas no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela).

A programación prolóngase ao mes de decembro coa mostra fotográfica “Express-Arte”, do día 4 ao 17, no Multiusos da Xunqueira. A mostra está financiada pola Rede de entidades locais contra a violencia de xénero dependente da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.

A campaña esténdese ás aulas ao longo de todo o curso escolar a través de catro bloques temáticos fundamentais de obradoiros e charlas como “Falemos de sexo. Afectividade, sexualidade e pornografía”, “Do móbil aos videoxogos: identificar e previr a violencia dixital”, “Sexualidade en igualdade: educación afectivo-sexual para a prevención da violencia machista” ou “Prevención dos Trastornos de Conduta Alimentaria dende a perspectiva de xénero: violencia estética”.

Hora

(Domingo) 19:30

Localización

Auditorio da Xunqueira

Paseo da Xunqueira, s/n, 36800 Redondela

Está pasando!