‘Cámara Escura’ | Vortice Escénico

Vórtice Escénico presenta 'A Cámara Escura' en Redondela

dom15nov19:30Vórtice Escénico presenta 'A Cámara Escura' en Redondela II Ciclo de Teatro Mestra Paulina19:30 Auditorio da Xunqueira - Redondela

Detalles do Evento

Dentro da programación do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Redondela, baixo o lema ‘Game Over. A violencia machista non é un xogo’, convídanos a gozar de dúas propostas escénicas con perspectiva de xénero para reflexionar e concienciar a través da cultura.

O Ciclo de Teatro Mestra Paulina celebra a súa segunda edición enmarcado dentro da programación do deste 25N. Un programa que inclúe a representación da obra ‘A Cámara Escura’ a cargo da compañía Vórtice Escénico e ‘Feminíssimas’ de De Ste Xeito Producións.

‘A Cámara Escura’ | Vortice Escénico

A compañía Vórtice Escénico abrirá a segunda edición do Ciclo de Teatro Mestra Paulina coa posta en escena a obra ‘A Cámara Oscura’. Será o domingo, 15 de novembro, ás 19:30 horas no Multiúsos da Xunqueira.

Que pasa cando unha adolescente de dezaseis anos comparte unha foto íntima co seu crush nun contexto social como o que estamos a vivir?

Alicia está namorada. Alicia fai un selfie. Alicia preme enviar.

Do outro lado do móbil, alguén reenvía, e reenvía, e reenvía.

Os chats tolean. Unha avalancha de mensaxes, de vexacións, de insultos, de censura.

Nun mundo eterno como é a rede, cal é a solución para recuperar a intimidade perdida tendo en conta que por cada ano que pasa, as xeracións están expostas a medrar sen a madurez suficiente para empregar un novo apéndice chamado teléfono?

‘A Cámara Escura’ fala das vítimas de ciberacoso que se ven conducidas cara un buraco negro de desprezo e dor. Trata das persoas culpábeis que, agresión tras agresión, van construíndo un perigoso perfil de cara ao futuro. ‘A Cámara Escura’ diserta sobre esas nais e pais que ven, con absoluta impotencia, rotas/os ás súas fillas e os seus fillos.

A través de Alicia, esa rapaza dividida en dúas voces internas, podemos asomarnos á realidade que sofren cada día máis adolescentes a nivel mundial.

‘Feminíssimas’ | De Ste Xeito Producciones

O domingo, 22 de novembro, ás 19:30 horas no Multiúsos da Xunqueira, De Ste Xeito Producións pechará o ciclo coa posta en escena da obra ‘Feminíssimas’.

Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o “feminismo”… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

Este é o punto de partida desta creación de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Unha peza teatral con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba e mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas.

Unha maneira –tamén– de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria. Un espazo –ademáis– para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.

En resumo: unha comedia negra… moi violeta.

Hora

(Domingo) 19:30

Localización

Auditorio da Xunqueira

Paseo da Xunqueira, s/n, 36800 Redondela

Está pasando!