Juan Magán | Costa Feira

Juan Magán converte Costa Feira nunha viaxe polos grandes éxitos do electrolatino

29 Xullo 2026

Onte á noite, Juan Magán inaugurou o ciclo Electrolatino de Costa Feira, a primeira das catro citas que, durante catro martes consecutivos, reunirán a algúns dos artistas máis representativos do xénero. Unha proposta que volveu demostrar a vixencia dun son capaz de seguir conectando co público dentro e fóra da pista de baile.

“Electrolatino by Juan Magán” contou tamén coas actuacións de José de Rico, Víctor Magán, Andrew e DJ’s Electrolatino, que converteron o escenario de Sanxenxo no punto de encontro de varias xeracións. Unha noite na que pasado e presente conviviron con naturalidade e na que as cancións de sempre recuperaron toda a súa forza ao soar fronte ao Atlántico.

Temas como ‘Ella no sigue modas’ ou ‘Rayos de sol’ foron recibidos como auténticos himnos. O público acompañou cada retrouso e converteu a xornada nun gran coro colectivo marcado pola fusión de música latina, pop e electrónica.

O ciclo continuará o próximo 4 de agosto con Henry Méndez, Anthony & Yeigo, Marc Magán e DJ’s Electrolatino. O 11 de agosto será a quenda de Danny Romero, Mar Lucas e DJ’s Electrolatino, mentres que Juan Magán regresará o día 18 xunto a Jay Santos para poñer o broche final a esta proposta.

Está pasando!