Presentación da 8ª edición de Novos Cinemas | © Novos Cinemas

Novos Cinemas acollerá a estrea nacional de cinco longametraxes na súa oitava edición

9 Decembro 2023

Dous filmes franceses, un arxentino, un estadounidense e un xaponés poderán verse por primeira vez en España, competindo na Sección Oficial do Festival


O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, Novos Cinemas, presentou a programación da súa oitava edición, un certame que se vai celebrar entre os días 12 e 17 de decembro e que proxectará 39 filmes, dos que 13 participarán nas dúas seccións competitivas, Oficial e Latexos. Cinco das películas vivirán a súa estrea en España, seis en Galicia e unha terá a súa presentación internacional.

O director artístico do festival, Suso Novás, anunciou en rolda de prensa os 13 filmes que protagonizarán as sección seccións competitivas de Novos Cinemas: 9 longametraxes na Sección Oficial e 4 na sección Latexos. Conviven nesta sección filmes de adolescentes e o thriller socio-económico, con visións dunha xuventude que anda na procura dunha estabilidade emocional máis aló do socialmente establecido, ou mesmo con retratos de comunidades migrantes que aspiran a integrarse e prosperar na sociedade occidental e narracións que profundan nos imaxinarios da paixón.

Terán a súa estrea en España as francesas ‘Le coueur du masturbateur’, de Michael Salermo, e ‘Peter Pan’, de Natacha Samuel & Florent Klockenbring; a arxentina ‘Cambio, cambio’, de Lautaro García Candela; a xaponesa ‘There is a stone’, de Tatsunari Ota; e a estadounidense ‘An evening song’ (for three voices), de Graham Swon.

Será a estrea en Galicia para ‘Concrete Valley’, de Antoine Bourges; ‘The bride’, da ruandesa Myrian U. Bariba; a arxentina ‘Clara se pierde en el bosque’, de Camila Fabbri; e a sueca ‘The wild duck’, de Nadja Ericsson.

A sección Latexos, un espazo que reúne aquelas propostas que quedaron fóra dos circuítos, amosará dende documentais sobre comunidades europeas ata propostas de ficción con itinerarios emocionais. Proxectaranse ‘Abril, verde, amarillo’, de Santiago Aulicino (estrea internacional); ‘Las tierras del cielo’, de Pablo García Canga; ‘Antier Noche’, de Alberto Marín Meaño (estrea en Galicia) e ‘Zimmerland’, de Valeria Stucki (estrea en España).

No acto de presentación que se celebrou na Casa das Campás, acompañaron a Suso Novás o responsable da Área de dinamización social e cultural do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez; o director da Área adxunta a Vicerreitora da Universidade de Vigo, Luis Torres Vázquez; Jorge Cubela, deputado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Todas as persoas interesadas en asistir ao festival poden comprar seus abonos a través da páxina web do festival www.novoscinemas.com



Para esta 8ª edición, desde o festival apostan pola volta ás orixes, por xogar coa idea do baleiro e da imaxe por encher, confrontando ao público co entorno.

Presentan un cartel que xoga cos límites do encadre e establece un diálogo entre os elementos incluídos na composición e aqueles que, deliberadamente, se deixan fóra.

Está pasando!