O Ciclo de Cine Galego achega a Redondela a multipremiada ‘As bestas’

13 Xuño 2024

O Ciclo de Cine Galego que organiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela proxecta este sábado o filme ‘As bestas’. A longametraxe de Rodrigo Sorogoyen, do ano 2022, relata a historia de Antoine e Olga, unha parella francesa que se instalada nunha aldea do interior de Galicia.

Un conflito cos seus veciños, os irmáns Anta, fará que a tensión creza na aldea até alcanzar un punto de non retorno. O filme conta no seu reparto con Marine Foïs, Denis Ménochet, Luis Zahera, Marie Colomb e Diego Anido, entre outros.

Gañadora de 9 Premios Goya, incluíndo Mellor película, dirección, guión e actor; Premio César á Mellor película estranxeira; Premio do Público en San Sebastián; Mellor película, director e actor (Ménochet) no Festival de Tokio; Mellor película drama, actor de reparto (Zahera) e música nos Premios Feroz entre outros moitos galardóns nacionais e internacionais.

A longametraxe poderá verse o sábado 15 de xuño ás 20.30 horas no auditorio da Xunqueira.



Desde o SNL faise unha valoración moi positiva da resposta do público a este ciclo, que conta cunha media de 100 espectadores en cada proxección.

O ciclo pecharase co documental ‘Os días afogados’, de César Souto Vilanova e Luís Avilés. O traballo recolle a construción do encoro de Lindoso (Portugal), que en 1992 alagou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque.

Os seus habitantes nada puideron facer para salvar as súas terras nin os seus fogares. Sabendo que todo estaba a piques de perderse, varios veciños colleron as súas cámaras domésticas e comezaron a gravar. As súas imaxes, gravadas desde mediados dos anos 60, constitúen un valioso documento histórico e etnográfico, filtrado pola subxectividade e as vivencias familiares.

Proxectarase o sábado 22 de xuño ás 20.30 horas no Auditorio da Xunqueira.

As entradas están á venda no Multiusos da Xunqueira a un prezo de 2 euros para cada película, e pode mercarse un bono para asistir a todos os pases por 5 euros.

Está pasando!