O Concurso de Tarxetas de Nadal de Poio xa ten gañadoras

22 Novembro 2022

O Consello Municipal de Cultura, presidido por Raquel Rodríguez, elixiu o deseño realizado por Emma Sabarís, da parroquia de San Xoán, para editar a felicitación institucional das festas


O Consello Municipal de Cultura de Poio, presidido pola edil responsable da área, Raquel Rodríguez (BNG), e formado por integrantes da Corporación e de diferentes colectivos locais, reuniuse este pasado mércores 16 de novembro para analizar todos os deseños presentados pola mocidade de Poio nunha nova edición do Concurso de Tarxetas de Nadal. Rodríguez Alonso agradeceu a implicación dos e das participantes nun certame “plenamente consolidado no noso concello” e que está dirixido a persoas menores de 18 anos.

Ademais de elixir ás cinco gañadoras, os membros do xurado tamén procederon a seleccionar a tarxeta que será utilizada polo Concello de Poio para editar a súa felicitación institucional de Nadal. A vencedora foi a presentada por Emma Sabarís, da parroquia de San Xoán. As outras tarxetas que obtiveron unha maior puntuación foron as de Sofía Abal (San Salvador), Paula Paz (Combarro), Paula Portela (Samieira) e Mabel Castro (Raxó). As autoras destas postais recibirán un premio en metálico de 60 euros, ademais dun xogo de mesa educativo a modo de agasallo. O Concello fará entrega destes premios durante un dos actos da programación de Nadal, que dará comezo no mes de decembro e que será presentada proximamente.

Raquel Rodríguez quixo expresar o seu agradecemento a todas as nenas e nenos que tomaron parte nesta nova edición do concurso e destacou a alta calidade dos traballos presentados. Por último, a responsable da Concellería de Cultura e Educación tamén quixo salientar a implicación dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Cultura, entre os que se atopan a Asociación de Veciños Boureante, Asociación Cultural Vides Novas, o Ateneo Corredoira de Combarro,a Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) de Raxó e a SCD de Samieira.

Está pasando!