Presentación do 25º Festival Internacional de Títeres | © FIT Redondela

O Festival Internacional de Títeres de Redondela ofrece 73 actividades con 28 compañías do 13 ao 19 de maio

8 Maio 2024

  • O Multiusos da Xunqueira acollerá propostas do arxentino Sergio Mercurio ou La Chana Teatro, gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo para público familiar, dentro da programación de sala
  • Un ‘Aquiles’ xigante de 5 metros de altura e múltiples funcións de teatro de monicreques encherán as rúas e prazas da vila na fin de semana

A 25ª edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela (Memorial Juanjo Amoedo) encherá a vila dos viadutos do mellor teatro e música do panorama internacional, despregando un total de 73 actividades da man de 28 compañías da máis variada procedencia. Así o anunciou o seu director, Luis Crespo, acompañado de Rita Pérez, Concelleira de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Jorge Cubela, Deputado Provincial de Cultura, e mais Digna Rivas, Alcaldesa de Redondela.

Na presentación desgranáronse as principais novidades da edición deste ano, que se celebrará do luns 13 ao domingo 19 de maio. Así, a programación de sala mudará este ano os destinatarios, con propostas de carácter familiar de luns a xoves, e con espectáculos para adolescentes e adultos na fin de semana.


Presentación do 25º Festival Internacional de Títeres | © FIT Redondela

Destaca a presenza nesta edición do arxentino Sergio Mercurio con ‘Viejos’, unha proposta que fala do paso do tempo onde cada personaxe dános unha lección vital, con diálogos cheos de humor e reflexións que escarvan no corazón do espectador. As funcións do espectáculo, previstas para o venres ás 20:00 horas e o domingo ás 19:00 horas, serán a únicas representadas na Península Ibérica dentro da súa xira internacional.

Ademais de Sergio Mercurio, o Multiusos da Xunqueira acollerá ás 20:00 horas as propostas de Filippo Marionette o luns e martes. As alemás Tangram Kollektiv escenificarán ‘A forma das sombras’ o mércores, con un espectáculo de sombras coas máis variadas técnicas, e o xoves, será a quenda de Lejo con ‘Mans Arriba’, unha montaxe na que o titiriteiro neerlandés creará as máis variadas historias empregando unicamente as súas mans.

O sábado, a programación de sala engalanarase para recibir ‘Blancanieves’ de La Chana Teatro, gañadora do Premio Max 2023 ao Mellor Espectáculo para Público Infantil.

Un xigante de cinco metros e títeres na rúa

Ademais da programación de sala, e as funcións escolares programadas de luns a venres no Auditorio Piñeiral do Crego de Chapela e no da Xunqueira en Redondela, xa fin de semana, o teatro e a música tomará as rúas coas actividades enmarcadas dentro da programación de rúa. Compañías como as galegas Xirapaus, Títeres Alakrán, Mircromina, Trécola, Viravolta, Paporrubio e Tanxarina escenificarán os seus espectáculos nas prazas e rúas da vila, ademais de propostas de Mutis Teatro, de Castela-León; El Espejo Negro, de Andalucía; Rui Sousa, de Portugal ou os mexicanos de Grupo Saltimbanqui.

Ademais dos escenarios habituais, nesta edición instalarase o teatro portátil dos franceses de Théâtre Jaleo ao lado do palco da música, onde interpretarán ‘Edén’, unha peza de 60 minutos que mestura cabaré, nove títeres e os sete pecados capitais. Tamén os galegos de Teatro Ó Cubo, en coprodución co Centro Dramático Galego, escenificarán na Praza do Concello ‘De Vilatriste a Vilalegre’, unha montaxe desenvolvida nun peculiar escenario con rodas chamado A Utópica Rodante.

Os itinerantes estarán protagonizados polo ‘Aquiles’ dos valencianos de La Fam Teatre, un títere xigante de 5 metros de altura que percorrerá a rúa principal da vila o sábado ás 21:00h e o domingo, ás 20:00h. Este espectáculo, de 60 minutos de duración, ten un enorme impacto visual que deixará fascinados a todos aqueles que se acheguen a ver como o particular Aquiles conta a súa historia.

Canda os valencianos, os cántabros de MG Producciones traerán os seus ‘Granujas a todo ritmo’, unha proposta composta por uns músicos moi pillabáns que fan troulear ao público ao son do Rhytm’n Blues, acompañados por dous xigantes chamados Jack e Ellwood, que animarán a bailar ao público o sábado ás 18:00h e ás 20:00 horas; e xa o domingo ás 13:30, 17:00 e 19:00 horas.

Troula percorrerá as rúas Afonso XII-Ribeira o domingo ás 18:00 horas co ‘Estraño caso do dentista da rúa Brasov’, contando a historia dun dentista que percorre co seu carromato vilas e cidades buscando clientes para a súa consulta ambulante.



Música, Feira de Imposibles e Ruada Participativa

En canto á música, abrirase un novo espazo, o ‘Xan Carallás’, -na Alameda, fronte a estatua do fundador de Redondela- que este ano homenaxeará aos homes-orquestra, con actuacións de Pulpiño Viascón o venres, co espectáculo ‘Dellecopé’ e o domingo con ‘Trikimachín’ e Ce orquestra pantasma, con ‘A Voar’ o sábado. The Turre’s Band, Kedirán e CantaTorrella porán tamén as notas musicais a esta edición do Festival.

A Praza de Ponteareas acollerá o venres e domingo, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, a instalación de Civi-Civiac ‘A Feira dos Imposibles’, unha proposta de xogos de participación, onde o público gozará dun mundo máxico onde nada é o que parece. Guiados por dous pícaros personaxes, os cativos poderán descubrir 25 elementos -a cabalo entre o mundo do ilusionismo e o teatro-, como dispositivos de enxeño, caixas misteriosas, caleidoscopios, cadros de dobre visión e un sinfín de ilusións ópticas.

Todas as actividades complementaranse, como xa é habitual, cos títeres pola gorra, o mercadiño titiriteiro, e a Ruada participativa, que este ano, baixo o nome ‘A brincadeira das mouras’, percorrerá as rúas do casco vello redondelán onde os protagonistas serán os trasgos, fadas e gnomos, e onde se animará a todos os participantes a vir disfrazados de personaxe fantástico. Os encargados de animar o paseo interactivo serán Antía Migueroa, Marcial I. Amoedo, MG Producciones, Barafunda e Troula.


Exposicións nos escaparates e ‘Historia dun cartel’

Redondela rende homenaxe a Títeres Alakrán amosando parte dos seus 20 anos de andaina nos escaparates do comercio local. Dende o día 4, e ata o 26 de maio, estarán instalados os principais monicreques empregados pola compañía galega nas cristaleras de La Nube, Copy Redondela, Pastelería Filo, Café da Vila, Barbería Juan Crespo, Tien-21, Cal-3, La Imprenta e DiscoTasca, cunha instalación especial no antigo Kiosko Cocó.

Exposición homenaxe a Títeres Alakrán | © FIT Redondela

Ademais, o polifacético artista redondelán ‘O Pastor’ presentaranos na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira ‘Historia dun cartel’, onde amosará como foi desenvolvendo e compoñendo os 25 carteis e personaxes do Festival, nunha exposición que deixa ver o seu particular proceso creativo, e que se poderá ver do 10 ao 19 de maio de 17:00 a 20:00 horas.

Horarios de billeteira e posto de camisolas

O venres 10 abrirase a venda de entradas anticipada para os espectáculos de sala e as camisetas no Multiúsos da Xunqueira, de 17:00 a 20:00 horas. O sábado 11, poderanse adquirir camisetas de 12:00 a 14:00 horas e xa pola tarde, de 17:00 a 20:00 horas, tanto entradas como camisetas, así como o domingo, durante todo o día, de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. O prezo dos billetes será de 7 euros prezo único.

Xa durante o festival, a billeteira abrirá de luns a sábado de 18:00 a 20:00 horas, e o domingo de 17:00 a 19:00 horas. O posto de camisolas, tamén no Multiúsos, abrirá de luns a xoves de 18:00 a 21:30 horas; o venres e sábado de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas, e o domingo, de 13:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:30 horas.

Está pasando!