O Galician Freaky Film Festival abre o prazo para recibir traballos na súa nova edición

20 Febreiro 2021

O prazo para presentar os traballos audiovisuais estará aberto dende o 18 de febreiro ata o 30 de xuño de 2021.

O certame celebrarase do 29 de setembro ao 02 de outubro e, ao igual que o ano anterior, poderase ver de xeito online a través da plataforma Festhome.

Dende este 18 de febreiro e ata o próximo 30 de xuño queda aberto o prazo para inscribir traballos audiovisuais na nova edición do Galician Freaky Film Festival. Deste xeito, o certame volve unha vez máis a cidade para convertela na capital dos monstros, o terror, a serie B e o freakismo máis premium.

Pese a que a celebración do anterior festival foi un dos máis atípicos por mor da Covid-19, Juan de Castro, director do GFFF, móstrase satisfeito cos resultados. Así, afirma que “non só se conseguiu sacar adiante o certame nun momento complexo, senón que tamén se fixo cunhas grandes medidas de seguridade para crear un espazo seguro. Ademais, tivo unha ampla repercusión internacional e o público quedou entusiasmado coas curtas e as actividades paralelas”.

Xa coa vista posta na súa quinta edición, o Galician Freaky Film Festival continuará a traballar para ofrecer aos amantes do freakismo as mellores obras de serie B, terror, fantasía, ciencia ficción e underground. Por este motivo, a sección oficial poderase ver online a través da plataforma Festhome. “O ano pasado tivo moito éxito e queremos seguir apostando por este novo xeito de difusión, xa que pode chegar a máis persoas, tanto de Galicia, coma de España” explica Juan de Castro.

Todos os interesados en enviar os seus proxectos poden consultar as bases na páxinaweb do GFFF e inscribirse ata o vindeiro 30 de xuño a través das plataformas Movibeta, Festhome e Clickforfestivals, así coma o formulario propio na web do Galician Freaky Film Festival. Ademais, ampliarase a selección das obras con Shortfilmwire, un portal de visionado que inclúe as máis de 8000 curtas que acoden a Clermont Ferrand, un dos festivais de curtametraxes con máis sona.

Está pasando!