O Teatro espontáneo regresa ao Mercado de Abastos Pontevedra este xoves 23 de xaneiro

23 Xaneiro 2025

  • A representación, sen guión previo na que actrices, actores e público constrúen un relato colectivo, comezará ás 20.00 horas no pimeiro andar da praza
  • Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellería de Benestar Social e desenvolvida pola asociación Inzar

Pasado o parón de Nadal, regresa de novo o Teatro espontáneo ao primeiro piso do Mercado de Abastos de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa promovida pola Concellería de Benestar Social en colaboración coa asociación Inzar que conxuga liberdade, creatividade e respecto.

A cita é o xoves 23 de xaneiro, ás 20.00 horas. Actrices, actores e público enfrontan unha interpretación sen guión previo co fin de construír un relato colectivo.



O Teatro espontáneo é un obradoiro mensual, que se desenvolve en dúas sesións. O terceiro xoves de cada mes celébrase unha sesión de adestramento en técnicas de escenificación, improvisación e teatro espontáneo na Casa Azul, en horario de 19.30 a 21.30 horas.

Unha semana máis tarde, o cuarto xoves do mes, o gastro-espazo do Mercado acolle unha representación pública deste teatro de improvisación. É unha actividade aberta, polo que para participar só hai que acudir: non é necesario inscribirse.

Malia non ser, en termos rigorosos, un produto artístico nin un recurso terapéutico o teatro espontáneo é unha ferramenta de resolución de conflitos, unha intervención social que fomenta o diálogo social respectando a diversidade, fortalece o desenvolvemento humano e a conciencia cívica, ademais de incentivar a participación social activa.

Está pasando!