‘Que non nos enr@den’, campaña de Poio polo 25N que convida a unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías

10 Novembro 2023

O Concello de Poio presentou a campaña ‘A violencia machista vai contigo, que non te enr@den’, para conmemorar o 25 de novembro. Unha campaña que comezou xa no mes de outubro e se desenvolverá ata o 20 de decembro, e que convida a facer unha reflexión crítica sobre o uso das novas tecnoloxías, en especial, entre os máis novos, e lembrar que hai que poñer normas e límites para facer un bo uso delas e redobrar os esforzos en educar en igualdade para previr as violencias.

Para conseguilo, ademais do parón institucional e lectura do manifesto, a programación céntrase principalmente en obradoiros, teatro e exposicións para a rapazada, así como a andaina Camiño Violeta.


Presentación da campaña ‘Que non nos enr@den’ | © Concello de Poio

“É unha campaña real e aberta, que visibiliza unha problemática que existe e que se detectou nos propios centros educativos, e que é imprescindible atallar. A través desta campaña exponse a realidade, porque hoxe, ademais da violencia que todos coñecemos, hai outra que tamén nos acompaña diariamente e que moitas veces non sabemos identificar. Todos temos ao noso carón un teléfono móbil pero descoñecemos os riscos que provoca un mal uso deles”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes. Por iso, agradeceu e resaltou o traballo do Centro de Información á Muller “non só con esta campaña tan necesaria, senón tamén pola importante labor que fan durante todo o ano”.

Na presentación da campaña, na que tamén participaron a avogada e a psicóloga do Centro de Información á Muller de Poio, Raquel Morales e Lidia Fezanes; o presidente de Asampo, Francisco Pérez; e representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller de Poio, a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, subliñou que “algo tan bo como as novas tecnoloxías ten unha cara b”, cun impacto negativo na adolescencia e na infancia, a nivel de saúde, de convivencia, de seguridade e de desenvolvemento. Nesta liña, recordou que en España un de cada tres adolescentes sofre violencia de xénero, un de cada dous violencia sexual, un de cada nenos e nenas sofre bulling e un de cada cinco nenas e un de cada 12 nenos sofre abuso infantil, e o 50% dos nenos e nenas de entre 11 e 13 anos viron pornografía en internet. “A imaxe da nosa campaña é habitual, todos levamos un móbil no noso bolsillo, por iso a violencia machista pode ir con todos. É a nosa obriga que non nos enreden, que saibamos dar un bo uso das novas tecnoloxías”. 


Presentación da campaña ‘Que non nos enr@den’ | © Concello de Poio

Pola súa banda, a directora e avogada do CIM, Raquel Morales, chamou a atención sobre que “os datos están na mesa e son unha realidade da que non podemos estar alleos. Cada vez se introducen nos videoxogos e nas redes sociais a idades máis novas, e non teñen a capacidade de identificar os riscos. Por iso, é importante facer unha crítica e reflexión social sobre este problema que pode crear futuras vítimas e agresores”. 

Francisco Pérez, de Asampo, agradeceu ao Concello de Poio que tivese sempre as portas abertas para colaborar coa organización do Camiño Violeta, unha andaina accesible que se desenvolverá o domingo 26 e que sairá desde o Parque da Memoria para facer unha primeira parada en Lourido e, posteriormente, chegar ata a Praza de España en Pontevedra. O percorrido estará marcado con frechas moradas, que citan a cada unha das 52 vítimas asasinadas por violencia machista no que vai de ano.

Por último, Lidia Fezanos tamén destacou o convenio de colaboración entre o Concello de Poio e a Universidade de Vigo para, a través dun estudo piloto, mellorar a calidade de vida de mulleres vítimas de violencia machista no concello. Un programa de atención con fisioterapia que traballará a saúde emocional e física das vítimas.


Está pasando!