Santi Balmes, cantante de Love of Lesbian, presentará o seu libro ‘Un día en mi cabeza’ no Mercado de Abastos de Pontevedra

21 Febreiro 2025

Este encontro cultural e divulgativo terá lugar no primeiro andar do edificio municipal, ás 13.00 horas, o vindeiro sábado 1 de marzo, con entrada libre


A concelleira de Promoción económica de Pontevedra, Anabel Gulías, compareceu este xoves, 20 de febreiro, acompañada de Marcos Rivas, coordinador do ciclo de entrevistas ‘Conversas no Primeiro Andar’.

«Trátase da continuación dun ciclo que naceu o ano pasado e do que agora teremos un novo capítulo», indicou a edil. «Este programa naceu coa vontade de traballar distintos eidos, tales coma o sector vitivinícola e a súa combinación con outros elementos de lecer coma libros».


Marcos Rivas e Anabel Gulías presentan ‘Conversas do primeiro ardar’ | Concello de Pontevedra

Por suposto, o espazo onde se desenvolve esta cita non é casualidade. O Concello de Pontevedra mantén o seu compromiso de abrir o Mercado a toda a cidadanía e a novos usos, tal e como foi concibido este primeiro andar no seu inicio.

Nesta ocasión, será o compositor e cantante Santi Balmes, de Love of Lesbian, que realizará unha presentación do seu libro ‘Un día en mi cabeza’.



O mundo interior de Santi Balmes é un torrente de imaxinación, ideas atrevidas e pensamentos disparatados. Posúe unha voz interior que oscila entre situacións marcianas e momentos de íntima vulnerabilidade cando escoita unha canción que lle parte en dúas.

No seu primeiro libro de non ficción, o autor indaga nesa idea mesturando música e emocións, e fantasea coa idea de como sería pasar un día na súa cabeza, isto é: capítulo a capítulo, desde que se levanta ata que se deita, asociando cada momento dese día imaxinario (ou non) coas súas cancións favoritas, explicando a súa selección, en que momento escóitaas, para que serven.

Fantasía, erudición musical e tamén un pouco de musicoterapia nunha lectura que entusiasmará a calquera bo afeccionado á música.



Viños Vivos estarán tamén presentes, traendo da súa man unha selección de viños artesanais. A xornalista Belén López moderará este encontro.

A conversa é aberta ao público, de balde, e ten previsto o seu inicio ás 13.00 horas o vindeiro sábado de Entroido, 1 de marzo.

Está pasando!