Música, zona glitter e animación para o aceso do alumeado de Nadal este sábado en Sanxenxo

2 Decembro 2022

Un ano máis, a asociación Entretendas Centro Comercial Urbano en colaboración co Concello de Sanxenxo encargarase de converter o acto oficial do aceso nunha auténtica festa na que non faltará a música, unha zona “glitter” e animación para os asistentes.

Ademais, repartiranse 350 paus de espuma luminosos led e realizaranse sorteos.

O alumeado de Nadal, co que se busca dinamizar a economía local e xerar un ambiente festivo nas rúas permanecerá acendido ata o 8 de xaneiro, desde as 18:30 horas ata a unha da madrugada. Co aceso dará comezo un amplo programa de actividades que terá como obxectivo espremer ao máximo o ambiente festivo nas rúas, prazas e lugares públicos do municipio, nunha época que está chamada a converterse na terceira tempada turística do ano.


Praza de Pascual Veiga | © Concello de Sanxenxo

En total colocaranse 406 elementos decorativos led que se estenderán por 55.886 metros cadrados do municipio. Un ano máis, o Concello aposta por levar a decoración do Nadal as sete parroquias en forma de recunchos ou espazos que convidarán a inmortalizar a visita cunha fotografía. A empresa Creacións Luminosas encargarase da iluminación despois de que resultase o ano pasado a adxudicataria do servizo durante dous anos por 235.958 euros.

A actividade continuará a fin de semana na Praza dos Barcos. O 4 de decembro realizarase unha Procura do Tesouro, unha actividade pensada para nenos e nenas, de 5 a 12 anos, entre as 11 e as 14 horas. Pola tarde, ás 17:30 horas, celebrarase Un conto de Nadal, un espectáculo musical-familiar coa Oca Band, no Auditorio de Emilia Pardo Bazán. A entrada é gratuíta.


Está pasando!