A Eurocidade Tui-Valença acollerá en setembro o Mumi 2021

6 Setembro 2021

O Mumi é un encontro que convoca a profesionais do sector musical e cultural galego e portugués co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as nosas músicas.

A feira reunirá a artistas/bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.

A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os días 9, 10 e 11 de setembro na Eurocidade Tui-Valença. 

O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude.

Entre os obxectivos do Mumi están que Galicia e Portugal poidan cooperar directamente, recoñecéndose como sectores profesionais, xeradores de riqueza e diversidade, tecer redes profesionais que fortalezan realmente o sector musical profesional e xerar sinerxías que repercutan a medio prazo na produción e comercialización das músicas dos dous países, fixar unha axenda de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional, interpelar aos medios de comunicación para que a música galega e portuguesa volva ser unha prioridade de xeito natural e ser o espazo de referencia para seguir a actualidade musical de Galicia e Portugal.

Está pasando!