A actiz e escritora Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno

15 Setembro 2020

A concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra Carme Fouces presentou esta mañá á gañadora do III Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil: Lorena Conde Martínez.

Ao anunciar a convocatoria o pasado 23 de abril, Día do Libro, a concelleira confiaba en que “os nosos escritoras e escritoras foran visitados pola inspiración durante o confinamento e recibamos unha chea de obras fermosas e de gran calidade como en certames anteriores”. Un desexo que se fixo realidade segundo confirmou: “foi un récord de participación, ao recibir en formato dixital durante algo máis de 2 meses, ata o 30 de xuño, un total de 40 obras con respecto ás 17 da pasada edición.

Fouces, aproveitou para lembrar que Antonio Manuel Fraga fora o primeiro premiado pola obra “O bestiario científico de Anxos Nogueirosa” mentres que na pasada edición a galardoada foi Beatriz Maceda con “Ardora”. Novamente nesta edición o premio contará tamén cunda dotación económica de 4000€ para a gañadora por parte do Concello ao tempo que a editorial Cuarto de Inverno levará a cabo a edición e publicación da obra.

O xurado, reunido a pasada semana de xeito telemático e formado pola libreira Luz Gallego, en representación do Concello de Pontevedra, Antonio Manuel Fraga, en representación da familia de María Victoria Moreno, Andrea Jamardo Seijo en representación de Cuarto de Inverno e David Cortizo Conde, de Cuarto de Inverno, que actuou como secretario considerou como gañadora a peza de Lorena por maioría dos votos apuntando a autenticidade na caracterización das personaxes protagonistas, tres anciás e dúas adolescentes, e a evolución das mesmas dotándoas dunha gran humanidade, tenrura e sensibilidade. Tamén destaron o ben fiada que está a trama, os aspectos que toca relativos a temas como a inclusividade ou a especulación inmobiliaria e mesmo o humor que está presente en todo o texto. Ademais, o xurado quere deixar constancia de que esta obra é fiel aos valores que sempre defendeu co seu exemplo a escritora que da nome ao premio: María Victoria Moreno.

O xurado destacou a calidade das obras e decidiu, pola súa calidade literaria, recomendar a publicación da obra presentada baixo lema «Vega». A persoa autora desta obra pode poñerse en contacto coa editora a través do correo electrónico info@cuartodeinverno.com

Fouces amosou especial ledicia ao ser a gañadora unha muller e pertencente a parroquia pontevedresa de Pontesampaio. Licenciada en Filoloxía Hispánica e posgraduada en Arte Dramática pola USC. Comezou no teatro universitario, primeiro como actriz e máis tarde como directora. Dende 1999 traballa como actriz en varias compañías galegas. A partir do ano ano 2000 comezou a traballar como directoras de compañías teatrais e en 2013 foi cofundadora de Matrioshka Teatro -coa que gañou varios premios María Casares e homenaxeou á propia María Victoría coa obra “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”

Na súa faceta de poeta, gañou a XVIII edición do premio Miguel González Garcés (2016) co libro Entullo e ten publicadas outras pendentes de públicar outras obras como O perfil da boca (2020) ou Santa Inés (2019).

Lorena destacou a súa admiración pola figura de María Victoria, que foi a súa profesora no IES Torrente Ballester e a ledicia de ter gañado este premio que lle serve de homenaxe. Comentou que escribiu esta historia en tempo récord no mes de xuño e que se divertiu moito ao facelo. “Agardo que a xente goce con ela tanto como eu escribindo esta historia na que mulleres maiores e moi novas son as protagonistas, non un apoio á trama principal”. Tamén apuntou á ledicia de ter a oportunidade de amosar con este premio que “as mulleres do rural ou das marxes, como é o meu caso, afincada en Pontesampaio, tamén facemos cultura. Non é algo exclusivo das cidades ou do centro”.

Está pasando!