Presentación do II Torneo Internacional Cidade de Pontevedra | © Concello de Pontevedra

A Boa Vila vivirá unha fin de semana de balonmán internacional co II Torneo Internacional Cidade de Pontevedra

19 Xaneiro 2023

  • A maiores do Cisne, participarán nesta cita deportiva o ABC Braga, o Bathco Torrelavega e a Associação Atlética de Águas Santas
  • A entrada ao Pavillón Municipal será de balde e non será preciso facer ningún tipo de reserva, comezando o torneo este venres, 20 de xaneiro, ás 19:00 horas

Presentación do II Torneo Internacional Cidade de Pontevedra | © Concello de Pontevedra

Pontevedra «respira deporte os 365 días do ano», indicou o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, ao comezo da presentación do II Torneo Internacional de Balonmán Cidade de Pontevedra. A cita perfílase como o primeiro evento competitivo de carácter internacional na Boa Vila este 2023, chegando da man organizativa e promotora do Cisne.

«O balonmán nesta cidade é un deporte estratéxico, unha relixión, e marca o corazón de Pontevedra», sinalou o edil. «O II Torneo Internacional de Balonmán Cidade de Pontevedra é unha cita feita en colaboración co Cisne, ao que lle agradecemos o seu traballo para sacar adiante este torneo, e transmitirlles os nosos parabéns por levalo a cabo».

A competición, creada o ano pasado logo de pasar o peor da pandemia, contará con equipos de nivel Asobal e da Súperliga Portuguesa, competidores en Europa, e xogarán agora contra o Cisne, na súa casa.

Comeza mañá, venres 20 de xaneiro, e vivirá a súa final o sábado 21 no Pavillón Municipal de Deportes. «Agardamos que a xente decida vir. Coido que non hai mellor plan deportivo para esta fin de semana. Poderemos ver equipos de altísima calidade e gozar do deporte en estado puro. Agardamos que esta cita siga medrando, se siga asentando na cidade e lograr xerar unha marca propia de Pontevedra, con citas de seu, que permitan xerar un calendario de eventos noso».

Participarán, amais do Cisne, o ABC Braga, o Bathco Torrelavega e a Associação Atlética de Águas Santas. O primeiro partido comezará ás 19.00 horas do venres, entre o Braga e o Torrelavega, iniciando o Cisne e o Águas Santas o seu encontro ás 21.00 horas. O sábado o torneo seguirá o seu curso ás 18.30 horas, para ver quen ocupa a terceira e cuarta praza, e ás 20.30 horas está prevista a final.

A entrada será de balde, non é preciso reservar nin realizar ningún tipo de formalismo previo.


Está pasando!