Presentación da Lérez Up 2024 | © Concello de Pontevedra

A Lérez Up quenta motores lista para abrir as súas portas esta fin de semana

23 Setembro 2024

  • O salón do videoxogo e da cultura friqui, organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, terá lugar o 28 e 29 de setembro no Recinto Feiral
  • Videoxogos, cosplay, xogos de cartas, torneos, ilustración… Distintos contidos e actividades coincidirán nesta cita que se consolida como unha das máis importantes do país no seu eido

Logo de reunir máis de 4000 fans dos videoxogos, a cultura xaponesa e o lecer alternativo o ano pasado, Lérez Up regresa cunha edición chea de novidades. Este evento consolidouse como un punto de encontro chave para a comunidade, ofrecendo experiencias únicas para todos os gustos: desde torneos e talleres, pasando por áreas temáticas e actividades inmersivas nas que divertirse.

A concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías, ofreceu unha rolda de prensa desde o establecemento Percalandia (colaborador do evento), no que lembrou a importancia de seguir apoiando e visibilizando este tipo de iniciativas, lugares onde se xeran novos espazos de socialización e de promoción. «O Concello apoia e apoiará eventos desta clase, sendo o Lérez Up un espazo que amosou un impresionante crecemento ao longo dos últimos anos, e que xa está consolidado tanto na cidade como na Galiza como un referente», explicou.

A edil agradeceulle o seu labor á asociación pontevedresa Gaming Troop, encargada da organización do evento, por seguir facendo do Recinto Feiral un punto de encontro para milleiros de persoas, amantes da cultura friqui.



Este ano, Lérez Up mantén as súas zonas máis populares. Entre elas, a Zona de Consolas, onde haberá xogo libre e torneos como Mario Kart 8, Street Fighter 6, EA Sports FC24 e Switch Sports. A coñecida Zona de PCs incluirá torneos de League of Legends e Valorant. Como gran novidade, tamén acollerá o Torneo clasificatorio nacional de Valorant Consolas, unha competición inédita cun premio de 250 euros que converte a Lérez Up en parada oficial da Console Cup, a primeira competición nacional deste xogo en consola. Para este torneo, os xogadores poderán inscribirse ata 30 minutos antes de que comece o xogo o sábado ás 12:00 horas.

Entre as novidades máis esperadas, este ano preséntanse dúas áreas temáticas completamente novas: unha dedicada á épica saga de Star Wars, onde os asistentes poderán participar en duelos e crear o seu propio sable de luz; e outra área enfocada na cultura K-pop, con actividades que inclúen o esperado Concurso de Dance Cover, unha oportunidade única para os amantes do xénero. Ademais, volve a Zona de Stands, con máis de 60 postos de artistas e comerciais, así como a Zona de descanso, equipada cunha variada oferta de postos de comida para todos os gustos.

Ampliaranse tamén as zonas xa tradicionais: a Zona de xogos de mesa, que este ano incluirá torneos de Warhammer; a Zona Card Games, que substituirá a anterior zona de Magic e agora inclúe xogos como Pokémon e Lorcana; e a Zona Fighting Games, que este ano non só acollerá o nacional de Smash Bros, senón que tamén integrará o torneo de Tekken 8, cun premio de 300 euros patrocinado por Lareira Digital e Bandai Namco.

A zona dedicada aos xogos indies será o lugar onde os asistentes poderán descubrir as creacións de desenvolvedores independentes galegos. Co Pasaporte Indie na man, os xogadores poderán probar cada xogo, votar polo seu favorito e participar nun sorteo sorpresa.



A programación de Lérez Up non só ofrece entretemento, senón tamén contido educativo. Ofreceranse charlas como “A viaxe de ser ilustradora editorial”, a cargo de Raisa, ou “Ser autónoma e ilustradora: Guía práctica” por Alba Santa. Os fanáticos do cosplay poderán aprender de expertos en “Guía para o teu primeiro concurso de cosplay” e “Siluetas e tecidos para cosplay”, impartidas polo xurado de cosplay formado por Kaisiwiwi, MeryNyan e Akurin. Ademais, obradoiros prácticos como ‘Retrato a bolígrafo’ (Belén Diz), ‘Caligrafía xaponesa’ (Escola de Idiomas de Vigo), ‘Deseño de personaxes’ (Limbo Illustration), ‘Crea os teus propios accesorios de origami’ (Alan Pettinari) e un contacontos do lobishome con creación de monicrecre, específico para nenos (Dornavela Edicións), estarán dispoñibles con inscrición no mesmo evento.

Un dos momentos máis esperados do evento será a mesa redonda, onde profesionais do sector debaterán sobre os desafíos actuais e futuros da industria dos videoxogos. Sabela Alonso, redactora en Terebi Magazine; Víctor Fernández, Game Designer en Tequila Works; Olalla Ferrando, investigadora na Universidade de Vigo; Beatriz Legerén, doutora en Comunicación Audiovisual e coordinadora do grupo “Videoxogos: Comunicación e Persuasión”; e Silvia Izquierdo, cofundadora de Aruma Studios, compartirán os seus coñecementos e falarán sobre o papel da intelixencia artificial e o rol da muller na industria dos videoxogos.


Está pasando!