A nave Victoria abre as súas portas esta fin de semana no porto deportivo Juan Carlos I

16 Abril 2024

A réplica do navío que entre 1519-1522 realizou a Primeira Volta ao Mundo, a Nave Victoria, recalará esta semana no porto deportivo Juan Carlos I, dentro da súa gran xira europea, onde abrirá as súas cubertas ao público o 20 e 21 de abril, de 10:00 a 20:00 horas.

O barco é unha auténtica obra mestra da carpintaría de ribeira, feito de carballo e piñeiro, construído con minucioso rigor histórico e fiel a como foi aquel que hai 500 anos circunnavegou a terra. Un barco con historia propia, que realizou xa inmensas singraduras por todo o planeta.

Durante os anos 2004/2006 completou a súa propia volta ao mundo, surcando máis de 26.000 millas náuticas, facendo escala en 17 países. Desde entón non cesou de navegar polo mundo, realizando importantes xiras culturais por máis dun centenar de portos de EE.UU. e Europa, nas que recibiu centos de miles de visitas.



A visita á Nave Victoria consiste nun tour auto guiado polas 3 cubertas polas que poderás descubrir o contexto histórico e social que propiciou a maior xesta marítima da historia da navegación a través dos seus paneis informativos, a ambientación das diferentes áreas do barco e falar cos tripulantes, auténticos mariñeiros que viven tal e como se facía 500 anos atrás. Sen dúbida, unha oportunidade única para revivir a historia.

A tripulación actual fórmana 12 homes e mulleres de diferentes nacionalidades e actualmente estanse aceptando novas solicitudes para postos de tripulación voluntaria.

A Fundación Nave Victoria é unha entidade sen ánimo de lucro que está especializada na promoción e desenvolvemento de eventos a través das súas réplicas de barcos históricos (Nave Victoria, O Galeón, Nave Santa María e a Nave Victoria 500) en portos de todo o mundo.

Está pasando!