As mellores orquestras de Galicia actuarán nas festas de Santa Rita: Panorama, Os Satélites e Marbella

18 Marzo 2025

  • Tres das mellores orquestras de Galicia actuarán en Vilagarcía no marco das Festas de Santa Rita, que se celebrarán entre o 21 e o 25 de maio.
  • Así o adiantou a concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, que xa ten pechadas algunhas das actuacións máis importantes da semana, e que continúa a barallar diferentes propostas para o concerto do sábado 24.

“Estamos satisfeitos coas primeiras confirmacións. A orquestra Panorama regresa por todo o alto a Vilagarcía e actuará aquí o día 21 de maio”, comentou a concelleira. Os Satélites farano ao día seguinte, o 22, “cun espectáculo de baile que promete ser impresionante”, e finalmente, o día 23 actuará a orquestra Marbella, “unha das máis populares” e que comezou a súa exitosa andaina no 2001.

Dende o departamento estase estudando o emprazamento das actuacións, xa que algúns dos grupos, como a Panorama, contan cuns escenarios tan grandes que requiren de moito espazo: “Tamén se ten en conta a cantidade de xente que atraen, polo que estamos estudando cal é o mellor lugar para poder albergar tanto público”, explicou Outón.

Este é só un adianto dun cartel que busca agradar a cativos e maiores, e cuxas actividades iranse desvelando pouco a pouco. A concellería atópase traballando arreo para poder confirmar canto antes o gran concerto do sábado 24: “Temos varias propostas enriba da mesa que cómpre estudar.

O nivel está moi alto tendo en conta os anos anteriores”, comentou Sonia Outón. Cómpre recordar que en Vilagarcía e en Santa Rita xa actuaron Siloé, Revolver, Coque Malla, La La Love You, Sés, Jaime Urrutia ou Novedades Carminha, entre outros.

Está pasando!