‘Terry the turtle flipping the bird’ | © Mark Fitzpatrick

Case 5000 persoas visitaron a mostra de Afundación ‘Comedy Wildlife’ en só tres semanas de exhibición

4 Marzo 2024

En só tres semanas de exhibición case 5000 persoas visitaron a sala de exposicións do Teatro Afundación Vigo para coñecer de preto a comedia da vida salvaxe. 60 fotografías compoñen a exposición homónima, ‘Comedy Wildlife’, de acordo co título do certame do que nace a mostra. As imaxes foron tomadas en distintos recantos dos cinco continentes e todas elas foron distinguidas entre 2015 e 2022 como as mellores instantáneas de animais feitas en clave de diversión e humor no mundo.

Tras o éxito da exposición acadado en 2023 coa exposición ‘Emocións en perigo’, con imaxes do prestixioso fotógrafo de natureza Tim Flach, Afundación intensifica a súa aposta pola difusión do coñecemento sobre a riqueza natural do planeta e a importancia dos esforzos para a súa preservación. A exposición de Tim Flach atraeu ata agora o interese de máis de 26.000 persoas ao longo da súa itinerancia por Galicia.

‘Comedy Wildlife’ móstrase agora no Teatro Afundación Vigo, grazas á colaboración entre Afundación Terra espléndida, tras encher en 2023 museos e centros de exposicións de Países Baixos, Inglaterra, Portugal ou Canadá.

Sobre a base do seu compromiso coa implicación social e o coidado do medio ambiente, a Obra Social de ABANCA presenta esta nova proposta expositiva no marco dunha programación variada, dinámica e innovadora para todos os públicos e de amplo alcance xeográfico. Así, ademais de realizar accións directas de voluntariado ambiental como o programa PLANCTON que permitiu, desde o seu inicio hai 3 anos, a retirada de máis de 52 toneladas de residuos en areais e costas, Afundación recibe cada ano máis de 8.000 visitantes en Naturnova, o Centro de Educación Medioambiental de Vigo. A través destas, e outras propostas, o obxectivo é promover na sociedade maneiras de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.

Evitar as mensaxes e as imaxes «deprimentes»

Asegura o cofundador dos premios ‘The Comedy Wildlife’, o tamén fotógrafo especializado en natureza Paul Joynson Hicks, que «as cuestións de conservación e sostibilidade da vida silvestre están gañando impulso a nivel mundial, pero as mensaxes e imaxes tenden a ser negativas, deprimentes e enervantes. E por iso se animou, xunto cos fotógrafos de natureza Tom Sullam e Michelle Wood, a crear estes galardóns. Desde 2015 premian as imaxes máis divertidas de animais tomadas nun mundo extraordinariamente fermoso e interconectado».

‘Comedy Wildlife’ é unha exposición que cautiva toda a familia ao utilizar o humor e a sorpresa como unha forma efectiva de involucrar ao público co encanto do reino animal. As imaxes son extremadamente populares, atraen todas as idades e transcenden todas as culturas e idiomas. Así, as 60 instantáneas seleccionadas que se presentan en Vigo mostran, nas posicións e momentos máis divertidos, animais como tartarugas, mapaches, osos, pingüíns ou píllaras.

«Unha foto divertida de animais é incriblemente eficaz porque non hai barreiras para a comprensión, ou tabús que deben ser negociados. A imaxe aproveita o impulso polo antropomorfismo que está ben documentado como unha dos disparadores máis potentes para a empatía humana. Para entender realmente aos animais e as cuestións que lles afectan temos que empatizar con eles como concidadáns do mesmo planeta», subliña Paloma Vela, coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación.

Actividades didácticas

Para facer máis accesible esta exposición e os seus contidos á comunidade escolar, Afundación deseñou un amplo programa de actividades educativas e obradoiros adaptados ás diferentes idades. Unha proposta que combina sostibilidade, diversión e STEAM. Más de 1.000 escolares da área metropolitana de Vigo, están apuntados a estes obradoiros antes da inauguración da mostra para a que se deseñaron tamén visitas familiares e para público xeral, todos os xoves ás 17.30 e 19.00 horas.

‘Comedy Wildlife’, que estará aberta ata o vindeiro 27 de abril, forma parte así mesmo do programa «Cultura por alimentos» de Afundación. Os visitantes poderán levar alimentos non perecedoiros e depositalos na propia sala de exposicións para a súa distribución aos bancos de alimentos locais a través da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL).

Está pasando!