Curtas Festival do Imaxinario é oficialmente festival cualificador para os Premios Goya en curtametraxe de ficción

8 Xuño 2026

A Academia de Cine Español incorpora o certame á súa listaxe de festivais cualificadores para os Premios Goya, recoñecendo así a traxectoria do festival.


A Academia de Cine Español ratificou a incorporación de Curtas Festival do Imaxinario ao listaxe de festivais cualificadores para os Premios Goya na categoría de curtametraxe de ficción. Esta designación recoñece a traxectoria do certame e a súa labor na difusión cinematográfica.

A partir desta edición, as obras que formen parte da Sección Oficial Fantástica a Competición do festival contarán con novas opcións para a súa carreira cara aos Goya. O mecanismo de participación establecido pola Academia funciona de dúas formas: o gañador do premio á Mellor Curtametraxe Fantástica Nacional en Curtas Festival do Imaxinario queda automaticamente habilitado para inscribirse nos premios, e a participación na Sección Oficial suma puntos para alcanzar os requisitos de selección que esixe a institución.

Para a organización, este nomeamento formaliza o traballo realizado nos últimos anos en favor do cine de xénero e supón unha mellora no servizo que o festival ofrece aos cineastas. O recoñecemento sitúa a Curtas Festival do Imaxinario dentro do circuíto de festivais de referencia, facilitando así a proxección das curtametraxes que se exhiben en Vilagarcía.

SOBRE CURTAS FESTIVAL DO IMAXINARIO

Cunha traxectoria que se remonta a 1973, o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente absoluto para o xénero fantástico e de terror. Máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cine, literatura, banda deseñada e artes visuais nunha proposta cultural única.

A solvencia e calidade do festival están avaladas polas principais institucións do sector. Curtas é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso selo Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo.

Declarado Evento de Interese Turístico polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o festival ofrece cada outono unha coidada selección internacional de longametraxes e curtas, complementada cunha axenda de encontros con creadores de primeiro nivel, exposicións inéditas e obradoiros. En Curtas, a imaxinación non é só o obxecto da pantalla, senón o motor dunha cita ineludible que celebra o fantástico en todas as súas formas.

Curtas Festival do Imaxinario celebrará a súa 54 edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, e o patrocinio de De Angeles Films, Gadis e Rei Zentolo.

Está pasando!