Dúas semanas de cinema e actividades conforman a programación do FICBUEU

19 Agosto 2022

O Festival Internacional de Cinema de Bueu, que se celebra do 11 ao 24 de setembro, presenta o cronograma da programación para a décimo quinta edición, marcado pola nova estrutura do festival que divide o mesmo en varios apartados diferenciados, estando a primeira semana reservada para a proxección das principais seccións competitivas, entre outras actividades.

Semana de curtametraxes

O evento dará comezo o domingo 11 ás 19 horas cun acto inaugural onde se estrearán as curtametraxes realizadas durante os meses anteriores coas asociacións Érguete de Vigo e Juan XXIII de Cangas, dentro dos talleres postos en marcha a través da Área Social FICBUEU. A entrada será de balde retirando a invitación no despacho de billetes.

No segundo día comezarán as primeras sesións de proxección, cunha programación que seguirá a mesma estrutura todos os días ata o venres 16, coa diferenza que neste último ás 17 horas exhibiranse as curtas da Sección Descubertas, mentres que no mesmo horario de martes a xoves visionaranse as pezas da Sección Retrospectiva, na que se poderá ver unha recompilación de traballos realizados no Instituto de Experiencias Cinematográficas e na Escola Oficial de Cinema.

Logo tocará a primeira queda da Sección Oficial, composta por unha selección das mellores curtametraxes internacionais, ás 19 horas. Tras isto chegarán os coloquios coas directoras e os directores dalgunhas das pezas proxectadas, ás 20.30 horas, para logo ter unha segunda sesión da Sección Oficial ás 21 horas, coa que se pecharán as actividades durante esta primeira semana.

O sábado 17 haberá unha gran variedade de actividades que arrincarán coa presentación do Caderno FICBUEU#3, baseado na Sección Retrospectiva e titulado “As prácticas do Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas e a Escuela Oficial de Cinematografía como primordio dun novo cinema español (1947-76)”. Será ás 11 horas no Punto de Encontro e estará dirixida polo autor do monográfico, Severiano Casalderrey, con entrada de balde para o público xeral.

Ás 12 horas o equipo de Carne Cruda realizará un programa en directo adicado á contracultura e no que estarán presentes algunhas das persoas protagonistas da décimo quinta edición do festival.

Continuando coa programación vespertina, ás 17 horas será a quenda da Sección España. Logo desta primeira sesión será o coloquio coas e cos cineastas participantes neste apartado ás 18.30 horas. A partir das 19 horas dará comezo a Sección Galicia R, trala que tamén se poderá asistir ao correspondente coloquio coas e cos participantes ás 20.30 horas.

A penúltima actividade do sábado será a entrega de premios do FICBUEU 2022. Pechará a xornada e a primeira semana do festival o concerto de clausura ao cargo da artista Tulsa, que será na Praza Massó con acceso libre.


© Cronograma FICBUEU 2022

Segunda semana: MiniFIC

Logo da primera semana terá lugar o MiniFIC, a programación especial para a rapazada e os centros de ensino. Contará cunha duración total de cinco días, dende o luns 19 ata o venres 23, e comezará coas proxeccións da Sección Escolas Internacionais ás 11 horas. Logo desta primeira sesión virá a quenda das proxeccións das curtas de Escolas de Imaxe e Son e Facultades Galegas á 13.00 horas, coa súa correspondente entrega de premios programada para as 13.30 horas.

Do martes 20 ao xoves 22 serán as proxeccións das Seccións Cativa, Infantil e Xuvenil, de portas pechadas e reservadas unicamente para os centros de ensino e o alumnado.

O venres 23 será o día con maior número de actividades para o público máis novo e para as familias, comezando coa Gala Escolas Galegas ás 11.30 horas. Pola tarde celebrarase o Concerto MiniFIC ‘Consertasso na horta’, da man de Brais Das Hortas ás 17.00 horas, pechando o día a proxección da Sección Curtas en Familia ás 18.30 horas.

Xornadas Cinematográficas: esculpindo no tempo

O festival porá o seu punto e final coa principal novidade desta edición, as xornadas cinematográficas, un espazo para a reflexión sobre a arte do cinema que se realizará o sábado día 24. A entrada será de balde, aínda que será preciso reservar praza.

A apertura da programación destas I Xornadas Cinematográficas: esculpindo no tempo correrá a cargo do cineasta e investigador José Manuel Mouriño, quen dará unha clase maxistral sobre o tratamento do tempo nos seus filmes ás 11.00 horas. Despois, ás 12.30 horas, as críticas de Caimán – Cuadernos de Cine Andrea Morán e Daniela Urzola terán unha conversa na que repasarán a obra dalgúns cineastas relevantes no tratamento do tempo.

Na sesión de tarde poderase asistir a unha mesa redonda en liña moderada pola docente Diana Ramahí na que participarán as cineastas e montadoras Diana Toucedo, Ana Pfaff e Carolina Astudillo (17.00 horas), a un encontro con Oliver Laxe conducido polo xornalista Ángel Suanzes (19.00 horas) e a proxección de Zerkalo de Andrei Tarkovski (1975) ás 21.00 horas.


© FICBUEU

Actividades paralelas

De forma simultánea á celebración das actividades principais do festival tamén se levarán a cabo diversas iniciativas paralelas, como é o caso da gravación do podcast Espazo Negativo con Ariadna Cordal e Dani Cornes, que dedicarán dous programas aos contidos da décimo quinta edición do festival, facendo un repaso polas curtas das seccións Oficial e Galicia R. O podcast estará dispoñible en todas as canles de FICBUEU e de Espazo Negativo, incluíndo Ivoox, Spotify, Apple Podcasts, Anchor e demais plataformas.

Por outra banda, e como vén sendo habitual, o público poderá desfrutar da VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, organizada en colaboración co Concello de Bueu e a Asociación de Empresas da Hostalaría de Bueu e que terá unha duración de nove días, dende o venres 9 ata o domingo 18.

Do mesmo xeito, entre o 11 e o 18 de setembro tamén se poderá asistir ao V Mercado da Curtametraxe no Musseo Massó, no que profesionais da industria audiovisual terán a posibilidade de visionar todas as curtametraxes inscritas na actual edición do FICBUEU.

O mercado terá un horario continuado entre as 10:00 horas e as 20:00 horas, agás o luns, e para acceder deberá solicitarse unha acreditación a través do correo electrónico info@ficbueu.com.

Toda a información pódese consultar nesta páxina web e nas redes sociais do festival, onde se irán anunciando as novidades, como as curtametraxes seleccionadas para esta edición, comezando polas Seccións Competitivas a partir do 9 de agosto, ou a venda de entradas, que estará dispoñible nas vindeiras semanas.


Está pasando!