Monoulious DOP | Cedida

27º Entroido de Verán de Redondela

sáb22ago22:0027º Entroido de Verán de RedondelaDj's · Gala Drag · Zona Infantil · Concertos22:00 Concello de Redondela - Redondela

Detalles do Evento

A vixésimo sétima edición do Entroido de Verán de Redondela, que se celebrará o sábado 22 de agosto, combina actividades para o público infantil durante a tarde e un gran despregue musical que se prolongará ata a madrugada.

Os máis cativos serán os encargados de abrir a festa a partir das 18:00 horas. A programación familiar distribuirase en varios puntos da vila: a Praza de Ponteareas acollerá unha xincana con inchables, a Pista da Xunqueira contará con inchables con auga e, máis tarde, ás 21:00 horas, a tradicional Festa da Escuma.

A maiores, a Praza da Torre sumará o espectáculo musical ‘A bailar’, da compañía Animar-T, programado para as 19:30 horas.

O epicentro da música nocturna estará situado no Campo da Feira. O ambiente quentará motores de 20:00 a 21:30 horas coas sesións de DJ de Olalla Gonzalezz e Borja Rua. 

De seguido, ás 21:30 horas, dará comezo a Gala Drag e, ao remate, a música en directo collerá o relevo co concerto dos galegos Monoulious DOP (de 23:00 a 0:30 horas) e a grande actuación internacional do grupo arxentino Ráfaga, que fará bailar ao público cos seus éxitos de cumbia dende as 0:30 ata as 2:15 horas da madrugada.

O peche oficial da xornada correrá a cargo dos DJs Kike Varela e Rodri Vegas, cunha sesión final prevista ata as 4:00 horas.

Co fin de garantir o correcto desenvolvemento do evento, o Concello informou de que queda estritamente prohibido acceder con recipientes de cristal aos espazos oficiais onde se desenvolven as actividades. Tamén se habilitará un Punto Violeta e Arcoiris na contorna e lémbrase que todo o recinto estará protexido como un espazo libre de violencia machista, co teléfono 112 dispoñible para calquera emerxencia.

Para facilitar unha mobilidade segura e evitar o uso do coche privado, a empresa de transporte poñen en marcha un servizo especial de autobuses de ida e volta que conectarán Redondela con Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.

Dende o Concello de Redondela faise un chamamento á veciñanza e aos miles de visitantes que se agardan ese día para desfrutar da xornada cun espírito retranqueiro, orixinalidade nos disfraces e, por riba de todo, respecto e moderación.

Hora

(Sábado) 22:00

Localización

Concello de Redondela

Está pasando!