This is a repeating event

Corpus Christi 2026 en Ponteareas

lun25maiConsultarCorpus Christi 2026 en Ponteareasdo 14 de maio ao 5 de xullo de 2026(Consultar: luns) Concello de Ponteareas - Ponteareas

Detalles do Evento

A programación do Corpus Christi 2026 conta cun amplo abano de actividades que se desenvolverán desde o 14 de maio ata o 5 de xullo en distintas localizacións da vila. En total, máis de 60 actos de distinta natureza que foron especialmente deseñados para todos os públicos do Concello de Ponteareas e tamén para atraer aos numerosos visitantes que ano tras ano, congrega a festa máis importante do calendario en Ponteareas.

‘Vila do Corpus’ aposta por poñer en valor a súa identidade propia e a súa tradición floral cunha cargada axenda de celebracións, onde terán especial relevancia os contidos culturais e os musicais, pero tamén os deportivos ou os relixiosos. “Este ano temos un programa que reflicte a dimensión real do noso Corpus: non é un só día, é unha celebración de oito semanas que implica a toda a vila. Invitamos a Galicia e ao mundo a vir a Ponteareas para comprobar por que esta festa é única”.

O Corpus, recoñecido como Festa de Interese Turístico Internacional e declarada Ben de Interese Cultural arrancou o programa de actos o 14 de maio cunha conferencia sobre o misterio da Eucaristía no Salón de Plenos e a apertura dos portais alfombreiros venres 15, con actuación de Lucía Pérez na Praza de Bugallal.

Desde ese momento, e ata o 7 de xuño, os portais alfombreiros converteranse en palco de máis dunha decena de grupos folclóricos chegados de toda Galicia: Pedra da Garza, os grupos de Padróns, Muíños de Oliveira, Algazara, Sadeo, as Pandeireteiras Antre as Canas, as Fiuncheiras, Naiama Gaitas ou o grupo Pétalos, entre outros.

O programa cultural do mes de maio inclúe tamén o Talento Xove, a proposta dirixida á xuventude con finais de teatro, cociña, música e DJ’s; o concerto do XXX aniversario da Banda de Música Reveriano Soutullo o día 24 no auditorio que leva o seu nome; e o concerto de grao profesional e acto de graduación do CMUS o día 28. A exposición fotográfica ‘Corpus Christi, a paixón dun pobo‘ percorrerá os locais comerciais da vila durante todo o mes.

31 de maio marcará o inicio da conta atrás definitiva. Ás 12:30 horas inaugurarse a exposición ‘Corpus en Flor’ no Auditorio Reveriano Soutullo, e ás 13:00 horas Rafael Carracedo Crespo lerá o pregón de Corpus, acompañado polo Quinteto Revirado, na Casa do Concello. Á tarde pechará co concerto de Uxía Lambona e a banda Molona no auditorio.

Do 1 ao 6 de xuño a programación mantén un ritmo diario: obradoiros infantís de Corpus na Praza Maior o día 3, inauguración da decoración do Corpus Inclusivo o día 5 e inauguración da exposición de florerías na Rúa Constitución a mañá do 6. E pola tarde, un dos momentos máis agardados: o inicio da confección das alfombras florais ás 18:00h, cando centos de alfombreiros e alfombreiras tomarán as rúas para crear as composicións florais únicas que ao día seguinte recibirán a procesión.

7 de xuño, o día grande, comezará coa recepción de autoridades na Casa do Concello ás 10:30 horas, seguida da Santa Misa solemne cantada pola Coral do Sportivo ás 11:30 horas e da procesión do Corpus Christi acompañada pola Banda de Cornetas e Tambores de Zamora ás 12:30 horas.

Xa pola tarde, o desfile de carrozas con acompañamento musical ás 19:00 horas dará paso a unha noite de festa con dúas orquestras en simultáneo, a actuación de América na Praza de Bugallal e Panorama City na Praza Maior, e o lanzamento de fogos artificiais ás 00:00 horas.

A festa complétase o 8 de xuño cos actos de memoria e recoñecemento: a Misa In Memoriam das persoas alfombreiras falecidas ás 19:00 horas, a ofrenda floral no Monumento ao Alfombreiro ás 20:00 horas e a entrega das medallas do Corpus Christi coa actuación da banda de gaitas Os Zoqueiros no Auditorio Reveriano Soutullo ás 20:30 horas. Pola noite, as orquestras Os Satélites e París de Noia pecharán os actos nas prazas da vila.

Por último, o programa complétase cunha ampla oferta deportiva: o III Mini DH Urbano Vila do Corpus o 17 de maio, o Torneo e Seminario Internacional de Kendo ‘II Copa de Furancho’ os días 23 e 24 de maio no Pavillón Álvaro Pino, a Clásica Álvaro Pino o 24 de maio e o XVI Open Vila do Corpus de Tenis do 26 de xuño ao 5 de xullo nas Pistas de Tenis A Freixa.

Hora

Consultar (Luns)

Localización

Concello de Ponteareas

Está pasando!