Sinatura de exemplares de ‘Moncho e a mancha’ | © Kiko da Silva

Finaliza o mes de ‘Moncho e a mancha’ cunha nova rolda de sinaturas de Kiko da Silva en librarías de Pontevedra

22 Setembro 2021

O ilustrador Kiko Da Silva asinará exemplares de ‘Moncho e a mancha’ este venres a partir das 19:30 horas na Libraría Sant-Yago (Juan Bautista Andrade, 1) e o vindeiro mércores 29 de setembro dende as 19:00 horas na Libraría Paz (Peregrina, 29) de Pontevedra. Con estas actividades, Kalandraka finaliza o Mes de Moncho e a mancha co que está a celebrar o 20º aniversario deste libro, estreando unha edición especial conmemorativa.

Protagonizada por un neno entusiasta da pintura, esta divertida historia segue vixente dúas décadas despois da súa creación pola orixinal visión que achega arredor do mundo da arte contemporánea e de como interpretala. Tamén sobresae por ter presentado unha nova proposta gráfica a través de figuras tridimensionais tan chamativas como únicas, xa que cada ilustración é unha escultura feita con cerámica e cemento policromado.

Vinte anos despois, ‘Moncho e a mancha’ segue sorprendendo a infancia e o público adulto pola súa frescura e colorido, afondando nos múltiples significados que pode ter un borrancho pintado accidentalmente nun papel en branco.

Ademais dos encontros de Kiko Da Silva coas lectoras e cos lectores programados en Sant-Yago e Paz, máis os realizados anteriormente en Espazo Lector Nobel e Seijas, estas librarías completan a homenaxe ao autor e á súa obra lucindo escaparates especiais de ‘Moncho e a mancha’.

Licenciado na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Kiko Da Silva leva dende 1998 dedicándose profesionalmente á ilustración, á banda deseñada e á edición, como director e colaborador de varias revistas especializadas. Ten recibido, entre outros, o Premio Castelao de cómic. Na actualidade é o responsable da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético e realiza unha viñeta diaria en El Correo Gallego.

Está pasando!