O artista pontevedrés Isaac Cordal protagoniza a primeira residencia artística do Concello de Pontevedra a mediados de setembro

10 Setembro 2022

A Illa do Covo e a cidade serán os escenarios de exposición das pezas que cree entre o 15 e o 29 de setembro. Tamén manterá un encontro con alumnos de Belas Artes, unha visita guiada pola Illa para explicar a súa obra e o proceso creativo, e un documental que resuma a experiencia das dúas semanas de creación.


O Pazo da Cultura de Pontevedra será a sede da residencia artística de Isaac Corbal, artista pontevedrés de recoñecido prestixo no sector, que estará na cidade entre o 15 e o 29 de setembro. A residencia terá como resultado unha exposición que terá como espazo a Illa do Covo e a propia cidade. Así o confirmaron onte pola maña os concelleiros de Cultura e Patrimonio histórico do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces e Xaquín Moreda.

A residencia artística forma parte do proxecto do Concello de posta en valor da Illa do Covo, que comezou neste ano coa limpeza e traballos de conservación e mantemento das pezas artísticas, e continuará cara finais de ano coa instalación de nova sinaléctica, da posta en marcha dun roteiro de podcast e unha guía didáctica.

A terceira das accións será esta residencia artística de Isaac Cordal que terá a Illa do Covo como escenario expositivo, ao igual que a cidade, e o Pazo da Cultura como espazo creativo do autor. Paralelamente, o proxecto complétase coa elaboración dun documental duns 10 minutos de duración, sobre o proceso creativo de Isaac Cordal. Este documental estará dirixido por Lois Cid, artista do audiovisual galego.

A residencia artística, ademais do proceso creativo e da exposición, tamén contempla un encontro con alumnado de Belas Artes, para aproveitar as sinerxias coa universidade; un roteiro pola Illa do Covo guiado polo artista; e finalmente a proxección do documental que está pendente de data.

Trátase da primeira residencia artística que se fai no Concello de pontevedra, pero a Concellaría de Cultura agarda que sexa o comezo deste tipo de accións.

Está pasando!