Visita ao circuíto da Florida | © Concello de Vilagarcía

O circuíto da Florida en Vilagarcía acolle en xuño o Campionato Galego de Pump Track

28 Febreiro 2024

  • Vilagarcía sumará este ano ao seu calendario de eventos deportivos unha das probas do Campionato Galego de Pump Track da actual tempada
  • O circuíto homologado da Florida acollerá a competición, cuxa organización correrá da man das concellerías de Deportes e de Turismo, xunto co Arousa Bike BTT, que exercerá de club anfitrión
  • A cita terá lugar a primeira fin de semana do mes de xuño e está previsto que participen nela preto de 200 deportistas procedentes de diferentes puntos da xeografía galega

As xestións realizadas dende o Concello de Vilagarcía para incluír no calendario federativo o pump track de Vilagarcía deron os seus froitos e, grazas á implicación do Arousa Bike, o circuíto da Florida será escenario dunha das roldas do Campionato Galego. Co obxectivo de ir realizando os preparativos e concretar a loxística, un técnico da Federación Galega de Ciclismo visitou este luns a cidade para revisar as instalacións deportivas e os espazos existentes na contorna. O técnico da Federación estivo acompañado polos concelleiros de Deportes e de Turismo, Carlos Coira e Álvaro Carou, polo presidente do Arousa Bike, David Janza, e polo director de actividades da Fundación Municipal de Deportes, Juan Miguel Doval.

A maiores do que xa de por si representa acoller unha rolda do Campionato Galego para a promoción de Vilagarcía entre a xente que virá de fóra ese día, tanto deportistas como acompañantes, o goberno local pretende converter a ocasión nun elemento dinamizador. Por iso a intención é organizar actividades complementarias que contribúan a xerar actividade en torno á cita deportiva.

O Campionato Galego de Pump Track engádese á longa lista de probas oficiais de carácter autonómico e nacional de distintas disciplinas deportivas que se celebran ao longo do ano en Vilagarcía. Este nova cita reforza a imaxe da cidade como capital deportiva e volve a dar conta da capacidade organizativa e da calidade das infraestruturas existentes no municipio, que continuarán mellorando coas reformas en marcha do pavillón de Fontecarmoa e da piscina municipal.

Está pasando!