O Concello de Bueu organizará este sábado un rastro con libros de balde no Parque Ramal dos Galos

12 Agosto 2022

  • As persoas interesadas poderán achegarse este sábado 13 de agosto en horario ininterrompido de 11 a 20 horas
  • As obras de mellora da biblioteca está previsto que comecen entre mediados e finais de setembro

O Concello de Bueu organizará este sábado 13 de agosto un rastro con libros de balde no Parque Ramal dos Galos, xusto ao carón da Biblioteca Municipal Torrente Ballester. Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, salienta que “aproveitando as inminentes obras da biblioteca, fíxose un expurgo de libros que son os que agora terán unha nova vida con este rastro”. Así, as persoas poderán achegarse durante todo o día, en horario ininterrompido de 11.00 a 20.00 horas e levar de balde os libros que desexen, tanto de literatura infantil como de adultos. Ademais, e por se ese día non fora suficiente, eses fondos van estar dispoñibles no andar inferior da biblioteca durante unha semana máis no horario de apertura desta instalación, de luns a as 8.00 ás 14 horas.

Este rastro organízase con motivo das obras de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, cun orzamento de 915.565,65 € e financiadas pola Deputación de Pontevedra, e que está previsto que comecen entre mediados e finais de setembro. Antes, dende a concellaría que dirixe Moital xa se organizou un plan de traslado dos fondos cunha empresa especializada e que se acometerá en dúas fases. Na primeira delas, prevista para o 29 de agosto, levaranse arredor de 5.500 libros e o mobiliario necesario para o 1º andar do Centro Social do Mar, onde estará funcionando a partir de setembro a biblioteca de xeito provisional e mentres duren as obras, agás a aula de estudo, que se manterá nas dependencias habituais ata máis adiante. Xa na segunda fase, que se acometerá entre os días 19 e 21 de setembro, trasladaranse 25.000 libros para outras dependencias municipais, onde permanecerán en depósito ata que rematen as obras.

O proxecto de mellora da biblioteca central adaptarase ás esixencias dunha biblioteca do século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.

A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica),  de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Segundo salienta o rexedor “queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural e adaptado ás esixencias e demandas do século XXI”.


Está pasando!