Presentación dos gañadores do concurso de carteis do San Xoán | Concello de Poio

O concurso de carteis do San Xoán convocado polo Concello de Poio xa ten gañadores

30 Maio 2026

  • O deseño de Alba Cochón será a imaxe oficial da cartelería da festa que se celebra en xuño.
  • O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados.

Alba Cochón, Adriana Radeljo, Elia Millán, Minerva Sartal e Xabier Calvo son os gañadores do concurso de carteis convocado polo Concello de Poio para promocionar as festas do San Xoán, que se celebrarán do 22 ao 27 de xuño.

Na categoría A, de 5 a 6 anos, o gañador é Xabier Calvo Rodríguez; na categoría B, de 7 a 9 anos, o cartel elixido é de Minerva Sartal Rodríguez; na categoría C, para a rapazada de 10 a 12 anos, a proposta gañadora é a de Elia Millán Bugallo, que repite premio por segundo ano consecutivo; na categoría D, de 13 a 14 anos, o cartel gañador é o de Adriana Radeljo Núñez; mentres que na categoría E, para estudantes de 15 a 17 anos, gañou o debuxo de Alba Cochón Justo.

De todos eles, o deseño elixido para ser a imaxe oficial da cartelería é o de Alba Cochón.

Presentación dos gañadores do concurso de carteis do San Xoán | Concello de Poio

O concelleiro de Festexos, Fran da Silva, que presentou os deseños gañadores xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destaca a importante participación, con preto de 500 traballos presentados. Así, agradeceu á cativada o seu esforzo e a calidade dos traballos, e aos centros de ensino que se involucrasen con un concurso que, engade, “pretende espertar a creatividade do alumnado e involucralo nunha das festas grandes do concello”.

Ademais dun agasallo conmemorativo e de ser a imaxe promocional das Festas de San Xoán, os gañadores tamén recibirán vales por importe de 500 euros para canxear nas librerías locais. Así, na categoría A, o vale será por importe de 60 euros, na categoría B, 80 euros, na categoría C 100 euros, na D 120 euros e na E, 140 euros.

Está pasando!