Presentación do III Incode Fest | Concello de Pontevedra

O Incode Fest encherá a Alameda de Pontevedra de música, diversidade e talento emerxente

29 Maio 2026

  • O festival, con entrada libre, terá lugar na tarde do venres 29 e toda a xornada do sábado 30 de maio na Alameda de Pontevedra.
  • Contará coa participación de diversas bandas e entidades locais coma Gaia, Musicanda, Banda de Salcedo, Redobla e Estudo Bonobo ou as bandas do Local de Música Femme Fatale e Basta! e unha banda da Escola de Rock de Paredes de Coura.
  • O cartel, cunha marcada presenza feminina destaca figuras coma Mercedes Peón (proxecto “Déixaasˮ xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut), o dúo catalán experimental ZÁ! e a banda de punk inglesa Shooting Daggers.
  • Completarán a programación os proxectos emerxentes galegos Jade 4, Rager, Pablo y los Ciervos Dorados, Faul e Unamoto.
  • Tamén presentará durante a fin de semana do festival a iniciativa ‘Voces ocultas’: un proxecto musical centrado na diversidade funcional.

O concelleiro de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado de Gonzalo Maceira e Violeta Mosquera a que será a terceira edición do Incode Fest. O festival con entrada libre terá lugar na alameda pontevedresa o venres 29 e sábado 30 de maio.

En palabras do edil “un festival moi especial porque é o festival dos proxectos musicais máis novos de Pontevedra. Das bandas, orquestras e os músicos máis novos. Pero este ano tamén medra como contarán Gonzalo e Violeta con novos proxectos e outros claramente consolidados para reflexionar sobre o papel educativo, formativo e integrador da música.

O Incode é un proxecto que por todo isto, por acoller persoas novas, facer traballo de inclusión, por ser un proxecto netamente pontevedrés e por ser quen de medrar e facelo grazas ao traballo de Estudo Bonobo, conta con todo o noso apoio e queremos convidar a asistir a toda a cidadanía”.

Na súa intervención Gonzalo Maceira, centrouse na implicación das diferentes entidades musicais locais que farán parte un ano máis do festival: Gaia, Musicanda, Banda de Salcedo, Redobla e Estudo Bonobo ou as bandas do Local de Música de Pontevedra: Femme Fatale e Basta! e unha banda da Escola de Rock de Paredes de Coura. “Unha das apostas máis fortes da escola era a convivencia, a cooperación, a inclusión de diferentes entidades que se dedican a formación musical e artística. Este ano, repetimos colaboración coa Sinfónica Xuvenil, que actuarán xunto a alumnado de Bonobo.

Mudamos a forma de relacionar as bandas de escolas con proxectos profesionais, mesturamos os proxectos. Fixemos este cambio para que a rapazada se empape de proxectos interesantes como ‘Déixaas’ de Mercedes Peón oue Shooting Daggers que veñen de Inglaterra. É unha nova onda de programar para potenciar que as novas xeracións volvan facer música, ilusionar a xente para que faga cousas, facer redes entre as diferentes escolas musicais da cidade e nos xuntemos para crear”.

Maceira apuntaba que “este non és un festival de vender tickets, cervexa e facturar moito. Para nós os indicadores de cultura veñen por outro lado, veñen por calidade, formación. Para nós cultura é algo máis amplo e por iso o noso proxecto de ‘Voces ocultas’, que tiñamos pensado presentar no Teatro Principal, estará no Incode. Subiremos ao escenario este proxecto que mestura innovación e inclusión real no que 20 persoas con discapacidade de diferentes asociacións de Pontevedra que traballan neste ámbito, estarán sobre o escenario como auténticos profesionais cun espectáculo digno de escoitar que vai deixar ao público coa boca aberta”.

Violeta Mosquera, responsible de debullar o cartel, incidiu na idea apuntada por Maceira salientando que “o noso festival non ten nada que ver coas propostas dos festivais aos que estamos acostumados porque cremos noutra forma de facer cultura. Somos un festival inclusivo que mostra o talento local mesturado con propostas profesionais asentadas para que se dean a man eses dous mundos. É un cartel maioritariamente feminino, cousa da que estamos orgullosos con propostas increíbles como a de Mercedes Peón e o seu proxecto “Déixaasˮ xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut. Apoiamos o talento local apostando por proxectos interesantes da cidade máis ou menos consolidados como o caso de Rager, Pablo y los Ciervos Dorados, Faul e Unamoto, e contaremos tamén con xuventude galega, con propostas da terra que pisan forte como o caso de Jade4. Teremos tamén a increíble banda de punk inglesa Shooting Daggers que estarán por primeira vez en Galicia e contamos tamén cos gradísimos ZÁ”.

Violeta pechou apuntando “temos un tremendo cartel difícil de superar. Temos moitas ganas e moita ilusión por esta edición e seguiremos neste camiño porque insitimos moito en que se pode facer cultura doutro xeito”.

Está pasando!