O Grupo América de Vigo estreará en Raxó o vindeiro 31 de marzo a primeira edición do ‘Primavera en Poio’

10 Marzo 2023

O concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, deu a coñecer este mércores boa parte da programación da primeira edición do ‘Primavera en Poio’, unha iniciativa que fará que actúen no municipio, en diferentes datas, orquestras e grupos musicais moi coñecidos e de gran relevancia “máis aló das nosas fronteiras”. Tal e como xa se tiña anunciado, a batería de concertos dará comezo o 31 de marzo e concluirá o 16 de maio.

Os encargados de estrear esta nova oferta lúdica serán os compoñentes do Grupo América de Vigo, que darán o pistoletazo de saída á programación en Raxó, nas inmediacións do recinto portuario, o venres 31 de marzo. Será esa unha das grandes fins de semana da primavera, xa que o sábado 1 e o domingo 2 de abril, chegarán ás parroquias de San Salvador (praza da igrexa) e de Combarro (Praza da Chousa), respectivamente, Los Satélites e Panorama, para ofrecer os seus espectáculos musicais. Posteriormente, xa o domingo 30, Samieira, na Praza Alfredo Romay, acollerá unha actuación a cargo da orquestra Marbella.

O peche ao Primavera en Poio’ será o martes 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, con París de Noia e Los Coleguitas, na Praza da Granxa de Campelo.


Xosé Luís Martínez Blanco, edil de Festexos | © Concello de Poio

Xosé Luís Martínez lembra, asemade, que dentro do ‘Primavera en Poio’ tamén se inclúe o renovado Sons de Ánkar, que, logo de varias edicións desenvoltas a principios de verán, cambia de data e de formato, pasando a celebrase o sábado 29 de abril, coas Tanxugueiras como grandes protagonistas.

Nas vindeiras datas darase a coñecer o resto de integrantes do cartel. Todos estes concertos serán de carácter gratuíto.

Por outra banda, o responsable da área de Festexos sinala tamén que nas vindeiras datas darase a coñecer máis información de interese, como os horarios de todas as actuacións. “Entendemos que esta proposta, nas datas nas que se realiza, supón un pulo para a actividade económica do municipio, especialmente entre sectores como a hostalería, axudando á súa desestacionalización, xa que estamos a falar de orquestras e grupos que sempre espertan unha gran expectación nas súas actuacións”, apunta Martínez Blanco.

Está pasando!