Narci Rodríguez | @narcirodriguez

O músico Narci Rodríguez impartirá o taller de beatbox ‘O Son das Palabras’ en Ribadumia

19 Outubro 2026

‘O Son das Palabras’, actividade incluída no programa Ler Conta Moito, combinará sons, imaxinación e narración interactiva o mércores 21 de outubro na Casa de Cultura


A Casa de Cultura de Ribadumia acollerá o vindeiro mércores, 21 de outubro, ás 18:00 horas, ‘O Son das Palabras’, un obradoiro de beatbox a cargo de Narci Rodríguez.

A actividade, dirixida ao público infantil e incluída no programa ‘Ler Conta Moito’, forma parte das propostas organizadas para conmemorar o Día das Bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro.

A través desta actividade, a rapazada poderá descubrir as posibilidades sonoras da voz, transformando as palabras en sons de animais, robots, elementos da natureza ou naves espaciais. A proposta inclúe tamén un conto interactivo no que os nenos e nenas participarán engadindo efectos sonoros ás distintas situacións da historia.

A iniciativa enmárcase na programación cultural que o Concello de Ribadumia desenvolve ao longo do ano, con actividades dirixidas a diferentes públicos e propostas de distintas disciplinas nas instalacións municipais. A biblioteca e a Casa de Cultura acollen iniciativas culturais e educativas, mentres que o Auditorio Municipal ofrece unha programación habitual de espectáculos e actuacións.

A oferta cultural municipal terá outra cita o sábado 24 de outubro a partir das 17:30 horas coa celebración do Magosto, nas inmediacións da Casa da Cultura. A actividade servirá para poñer en valor a tradición popular nunha xornada aberta á participación da veciñanza.

Está pasando!