A delegación pontevedresa diante da sede do Festival de Cine de San Sebastián | © Concello de Pontevedra

Pontevedra amósase ao mundo no Festival de Cine de San Sebastián como a vindeira sede dos Premios Feroz

30 Setembro 2024

  • O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tomou a palabra en representación da Boa Vila para definir os Feroz en Pontevedra como «un soprido de aire fresco» dentro da programación cultural, e para colocar a cidade como un referente dentro do eido cinematográfico
  • A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) fixo público que o presentador da gala pontevedresa será La Dani

Pontevedra presentouse como a vindeira sede dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián, un dos eventos máis importantes dentro da cultura cinematográfica internacional. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dunha delegación municipal conformada polas edís Anabel Gulías, Eva Vilaverde e Demetrio Gómez; xunto cos voceiros do Partido Popular, Rafa Domínguez, e do PSOE, Iván Puentes, do grupo municipal; puxo voz a ese feito capitular para a cultura pontevedresa que será ser sede dos galardóns outorgados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).


Presentación dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián | © Concello de Pontevedra

«En Pontevedra estamos empeñados en buscar e atopar novos camiños, en ver e aprender todo o que se está facendo no mundo; en estar na vangarda, en facer unha cidade pensada para as persoas. Logralo é un traballo de moitos e moitas, un traballo que brinda oportunidades como a de ser sede dos Premios Feroz por dous anos», indicou o rexedor.

«Os Premios Feroz son un sopro de aire fresco para a nosa programación, e desexo que así o sexamos nós para eles. Queremos ser unha equipa colectivo, onde non quede claro onde empezan os Premios e onde acaba a cidade, e viceversa. A aposta pola cultura ao alcance de todos e todas, e a aposta polo audiovisual son as chaves dunha unión que, como sabedes, irá (e xa vai) moito máis alá dunha gala e dunha xornada cunha alfombra vermella»

Durante a presentación, Fernández Lores comentou que «calquera persoa que se achegue a Pontevedra a través dos Premios quedará asombrada. Descubrirá gastronomía, atopará patrimonio, perderase polas súas rúas, comprobará a amabilidade da súa xente e deixarase sorprender cos nosos recunchos e historias. Non repetirá unicamente porque no ano 2026 temos de novo estes premios, repetirá porque quedará namorado desta cidade como eu estou».


Presentación dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián | © Concello de Pontevedra

Doutra banda, o alcalde quixo agradecer de xeito público o traballo de todas as persoas implicadas á hora de sacar adiante a posibilidade de ser sede dos Premios Feroz, «tanto aos traballadores e traballadoras municipais como ás empresas e institucións que se foron sumando unha vez cristalizou esta simbiose. Quero ofrecer o meu agradecemento pola súa presenza ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra e portavoz do PP na corporación municipal, Rafa Domínguez, así como da do portavoz do PSOE na corporación, Iván Puentes; feito que fai fincapé e redunda na obrigatoriedade da lealdade institucional e do apoio entre todas as administracións á hora de sacar adiante citas que transcenden, de xeito evidente, os marcos da Boa Vila».

Ademais, tamén estendeulle este agradecemento á Asociación de Informadores Cinematográficos, representada pola xornalista María Guerra, por tomar «a decisión de confiar en nós como cidade e de emprender unha relación que de seguro finalizará coas mellores galas dos Premios ata esta data».


Presentación dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián | © Concello de Pontevedra

Presentador dos Feroz 2025

No acto deste sábado celebrado en San Sebastián tamén se anunciou que a gala dos Premios Feroz de Pontevedra estará presentada por La Dani, que na anterior edición gañou o premio ao mellor actor de repartición pola película ‘Te estoy amando locamente’.

«Estou tranquilo, orgulloso, bendicido e feliz», dixo. «Sei que todo isto só é unha ilusión e que cando se achegue o momento vou estar moi nervioso, pero serán uns nervios guays. Que tolemia, non? Era dependenta, de súpeto noméanme a un Feroz, gáñoo e ao ano presento a gala… A vida é chulísima».

«É unha alegría contar coa Dani como presentador da gala dos Feroz», celebrou María Guerra. «A súa personalidade valente e desprexuiciada representa o espírito libre e iconoclasta da nosa asociación», finalizou.


Presentación dos Premios Feroz no Festival de Cine de San Sebastián | © Concello de Pontevedra

Previas Feroz en Pontevedra

Durante a súa intervención, María Guerra subliñou que a celebración dos Feroz en Pontevedra vai moito máis alá da gala do 25 de xaneiro: pon o acento no desenvolvemento dunha ampla programación previa que se estenderá desde outubro a xaneiro e que convocará na cidade a algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas para proxeccións e coloquios. Paula Ortiz, Eduardo Casanova, Lois Patiño e Víctor Iriarte serán os protagonistas do mes de outubro e nos próximos días anunciarase a programación de novembro.

Guerra tamén destacou que a AICE acaba de poñer en marcha o Programa ‘María Luz Morais’: formación práctica e emprego para futuros informadores de cinema e series. Entre os participantes seleccionarase a dous alumnos que obterán un contrato profesional de tres meses nun medio de comunicación. Os docentes serán destacados membros da Asociación e outros comunicadores como Inés Hernand ou Andrea Compton. Terá lugar o próximo mes de novembro no campus Porta de Toledo da Universidade Carlos III de Madrid.

Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.

A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os Premios Feroz para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival ‘Lo que viene’, o campus de cinema e series ‘La Inmortal’ en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series ‘María Luz Morais’.

Está pasando!