Richard Bona & Alfredo Rodríguez Trio | © Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

Pontevedra celebrará tres décadas de simbiose co jazz e o blues

18 Xullo 2024

«O Festival de Jazz e Blues é patrimonio de todos os pontevedreses», indicou o coordinador, José Antonio Ortiz, que acompañado do edil de Festas, Demetrio Gómez, realizou este luns o presentación do programa completo oficial


Trinta anos cumpre este 2024 o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra. Tres décadas onde a Boa Vila foi testemuña do paso dalgúns dos artistas máis importantes destes dous xéneros, con exemplos lendarios coma Johnny Winter, John Scofield, Robert Cry, Esperanza Spalding, Taj Mahal, Derek Trucks, Cory Henry ou Gregory Porter.

A Praza da Ferraría continuará este verán sendo epicentro desta onda sonora, a través de seis novas actuacións con Iago Banet (5 de agosto), Antilia (5 de agosto), Sempasúchil (6 de agosto), Rick Estrin & The Nightcats (7 de agosto), Jeff Cascaro (8 de agosto) e Richard Bona & Alfredo Rodríguez Trío (9 de agosto).

Coma sempre, a entrada será libre e de balde.



O concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, acompañado polo representante do Seminario Permanente de Jazz, Paco Charlín, e por un dos coordinadores do evento, José Antonio Ortiz, presentou nas dependencias do Concello o programa completo do festival, lembrando que «os pontevedreses e pontevedresas» agardan as datas do Festival Internacional de Jazz e Blues para descubrir novas músicas e novas intérpretes». «Falamos dun festival que non só é importante na Galiza, senón que traspasa fronteiras até Portugal e ofrece a oportunidade de atopar ou coñecer artistas de primeirísimo nivel».

O concelleiro destacou a variedade de estilos musicais que poderán ser gozados este ano, ao tempo que animou a seguir gozando da programación das Festas do Verán, da que este ciclo musical forma parte.

Pola súa banda, Paco Charlín destacou o papel importantísimo do SPJ dentro do festival, da colaboración xa establecida desde hai anos co mesmo, e de como se coordina de xeito exemplar a aposta local e autóctona, do talento galego e pontevedrés, coa chegada de grandes nomes internacionais ou promesas emerxentes do jazz e o blues.

Por último, José Antonio Ortiz realizou un breve repaso destes trinta anos de festival, sinalando que «este é un festival consolidado, no que xa temos unha liña moi clara que seguimos e que aplicamos». «O Festival de Jazz e Blues é patrimonio de todos os pontevedreses, pois é algo intrínseco ao verán da cidade; non só aquí, senón tamén fóra. A xente está atenta e sabemos que a xente quere ir, quere achegarse», explicou.

Está pasando!